Os socialistas ourensáns reúnen ao Comité Electoral Provincial

OurenseXa
Os e as socialistas ourensáns afirman que o PSdeG-PSOE “presenta un proxecto político de futuro para Galicia e Ourense, coa clara intención de gobernar e rematar con case 15 anos de discriminación cara a nosa provincia”.
psoe_ourense_comité_electoral_provincial
17 Jan 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense reuniu este mércores 17 de xaneiro ao comité electoral provincial para a campaña das eleccións autonómicas do 18 de febreiro. As persoas que integran este órgano mantiveron un encontro de traballo para comezar a trazar as ideas, estratexias, iniciativas e os eventos que se realizarán dende estas datas e ata o fin da campaña electoral.

Dende a Executiva Provincial salientan que trala confirmación da candidatura socialista pola provincia de Ourense “chegou o momento de unir esforzos e traballar co obxectivo de mudar o goberno autonómico a partir do 18 de febreiro”. Os e as socialistas afirman que o PSdeG-PSOE “presenta un proxecto político de futuro para Galicia e Ourense, coa clara intención de gobernar e rematar con case 15 anos de discriminación cara a nosa provincia”.

Os e as socialistas márcanse como principal meta “mellorar os resultados obtidos nas autonómicas de 2020, captando todos os apoios e votos posibles ao longo de toda a provincia para poder encabezar un goberno progresista que mude o panorama político actual de Galicia e de Ourense”. Dende o PSOE ourensán apuntan a que o traballo “pasa por achegar o noso proxecto e as nosas ideas a cada recuncho da provincia”, sinalando que “imos percorrer milleiros de quilómetros para que cada ourensán e ourensá coñeza de primeira man o noso programa político, as nosas ideas e as iniciativas que queremos levar a cabo ao longo e ancho da provincia”.

“Chegou o momento de rematar con anos de abandono, desleixo e inacción do Partido Popular e dicirlle alto e claro á veciñanza da provincia que o PSdeG é a única forza capaz de liderar o cambio en tódalas comarcas de Ourense”, destacan dende o comité electoral provincial socialista. Os e as socialistas tamén aproveitan para facer un chamamento a toda a militancia do PSOE ourensán a que “traballen activamente e trasladen o seu entorno, que a verdadeira opción de cambio chega da man do PSdeG e do seu candidato, José Ramón Gómez Besteiro”.

0.14729905128479