O PSdeG-PSOE denuncia a precarización do servizo de ambulancia dos GES en Lobios
O PSdeG-PSOE denuncia en Lobios a “precarización” e o “maltrato” que sofre o servizo de ambulancia prestado polos GES, por mor da falta de “interese e vontade” da alcaldesa do PP, María del Carmen Yáñez. Os e as socialistas critican que a rexedora dea de alta e baixa a ambulancia no sistema do 061 ao seu “antoxo” e alertan de que a súa idea é suprimir este servizo “esencial” para a veciñanza a finais de ano.
Ata Lobios desprazáronse o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense na Deputación, Álvaro Vila; así como a candidata e o candidato socialistas por Ourense ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta e Nacho Gómez Pérez; e a deputada provincial, Elvira Lama Fernández; para apoiar as reivindicacións do grupo municipal socialista e da veciñanza, que se concentrou diante do GES. Os e as socialistas recalcan que este servizo “apenas supón gastos para o concello, xa que todos están practicamente sufragados e subvencionados pola Xunta, a Deputación e o Sergas” e destacan que a vida útil da ambulancia “remata en agosto, con tres meses prorrogables, polo que senón se merca unha nova o servizo quedará suprimido”.
O concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, afirma que “non pode haber escusa para que este servizo non exista, xa que os gastos están máis que amortizados por outras administracións e non lle supoñen ningún sobrecuste ás arcas municipais”. O edil socialista alerta de que o servizo está sendo “maltratado”, xa que a ambulancia “dáse de baixa non sistema do 061 cando lle interesa a alcaldesa e o coordinador dos GES, para enviar aos traballadores a realizar outras tarefas que nada teñen que ver coas emerxencias".
Rodríguez acusa a alcaldesa e o coordinador dos GES de “boicotear” o servizo de ambulancia, xa que tal e como apunta “non teñen vocación, ilusión, nin interese por manter este servizo”. Neste senso o secretario de organización dos e das socialistas de Lobios afirma que todo ven motivado “pola intención da alcaldesa de eliminar o servizo, para que se elimine tamén o requisito excluínte de que para acceder aos GES hai que posuír o título de emerxencias e transporte sanitario e que deste xeito a rexedora poida colocar aos seus afíns no GES”.
Dende o grupo municipal socialista tamén denuncian que dende 2021 “seguimos agardando porque se cubran as prazas que faltan no GES, xa que se aprobou o aumento de efectivos a 12”. Os e as socialistas relatan a situación vivida fai unhas semanas “cando un veciño se atopou mal e a ambulancia non estaba dada de alta, xa que os traballadores estaban realizando tarefas de desatranco nunha tubaxe, polo que o veciño tivo que agardar 1 hora e media para que acudise outra ambulancia”. Neste senso dende o PSOE consideran que “non pode acontecer que se empreguen os GES para traballos municipais que ven poderían facer as brigadas do concello”.
“Non se pode especular e xogar coa sanidade no rural e menos nun concello avellentado como Lobios”, afirma Rodríguez, que apunta tamén que “posuír un servizo de ambulancia e algo único e unha riqueza que non podemos perder por culpa da alcaldesa e os seus satélites”. O edil socialista finaliza mandándolle unha mensaxe directa a María del Carmen Yáñez sinalando que “coa saúde da veciñanza, aínda que a vostede non lle importa, non se xoga”.
Pola súa banda, o aínda deputado provincial e número 2 da lista socialista por Ourense para as eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro, Nacho Gómez Pérez, sinala que “estamos no rural e estamos en Ourense, algo que para a Xunta de Galicia é menos que nada, xa que vimos como sistematicamente elimina servizos na nosa provincia”. O candidato socialista pon o foco na presencia de ducias de veciños e veciñas a carón dos socialistas “o que demostra que existe un grave problema tanto co centro de saúde como coa ambulancia, que non dan un servizo axeitado”.
Gómez Pérez destaca que o PSdeG-PSOE, da man de José Ramón Gómez Besteiro, “ten un proxecto e un plan para reactivar o rural” e acusa ao PP de “vir ao rural tan só en campaña para facer electoralismo para posteriormente esquecerse das súas promesas e abandonar á veciñanza”. En relación aos GES, o candidato do PSOE por Ourense ao Parlamento de Galicia, fai fincapé en que “a ambulancia non pode funcionar segundo os intereses da alcaldesa e a veciñanza non pode seguir sufrindo as mentiras do PP”. Por último afirma que os e as socialistas “non imos consentir que o PP veña en campaña a facer promesas e que logo sigan abandonando á veciñanza e o rural na provincia”.
Un centro de saúde colapsado con listas de agarda interminables
Aproveitando a visita a Lobios, o PSdeG-PSOE aproveitou para facer fincapé na “grave” situación que vive o centro de saúde do municipio “totalmente colapsado”, ante a falla de facultativos para atender a unha poboación de máis de 1800 habitantes. A candidata socialista por Ourense nas vindeiras eleccións autonómicas do 18 de febreiro, Carmen Rodríguez Dacosta, apunta que “vimos a Lobios a apoiar as reivindicacións da veciñanza ante un servizo de atención primaria caótico, por mor da falla de facultativos, despois de que Alfonso Rueda e o PP fosen incapaces de cubrir a praza que quedou baleira trala marcha dunha das facultativas do centro de saúde”.
Rodríguez Dacosta pon de manifesto que os e as socialistas, da man do candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, “temos os medios e vamos a pór en marcha un plan de choque para xestionar a atención primaria como merecen os cidadáns e cidadás”. Neste senso a cabeza de lista do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia sinala que “temos que reverter a situación caótica e de desleixo a que nos trouxeron 14 anos de goberno do PP, que levou a un maltrato do persoal do propio Sergas e a un desmantelamento continuado dos servizos sanitarios na provincia”.
Pola súa banda o concelleiro do PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, afirma que en Lobios “estamos vivindo un capítulo máis da precarización dos servizos sanitarios no rural galego por parte do PP”. O edil socialista indica que “aquí xa perdemos a farmacia de garda na Baixa Limia, obrigando á veciñanza a desprazarse a Celanova, tamén vimos como se desmantelaba o PAC de Bande, reducindo os servizos, ou como só se nos ofrece un día a semana de atención pediátrica”.
Rodríguez critica que o PP saíse no mes de novembro, tras unha denuncia previa do PSOE do colapso sanitario, “a sacarse unha foto vendendo que en decembro estaría cuberta a praza, cando non foi así”. O secretario de organización do PSdeG en Lobios acusa a alcaldesa, María del Carmen Yáñez de “vender reunións electoralistas, optando por verbas baleiras de contido, namentres da as costas a unha veciñanza que precisa con urxencia duns servizos sanitarios dignos, de calidade e dunha alcaldesa que defensa os intereses de Lobios e non atenda a intereses partidistas e personalistas”. A falla de facultativo, súmase tamén a situación que vive o centro de saúde cando a médica e a enfermeira teñen que saír a unha urxencia, xa que tal e como apunta o concelleiro socialista “o centro médico queda completamente baleiro, como xa aconteceu varias veces, incluso nas últimas semanas, cando a facultativa tivo que marchar a media mañá a cubrir as vacacións do médico de Muíños”.