O PSdeG reclama a Jácome que poña en marcha un programa de actividades culturais durante o verán

OurenseXa
Advirten de que a cidade quedará, un ano máis, sen concertos, teatro ou eventos culturais durante meses
María Fernández e Cristina Cruz, PSdeG-PSOE de Ourense
María Fernández e Cristina Cruz
11 Jun 2025

As e os socialistas do Concello de Ourense reclaman, un ano máis, que o goberno de Jácome programe actividade cultural nos meses estivais para a cidadanía e o turismo. “Non haberá nin concertos, nin teatro, nin actividades para a cativada, nin un calendario de eventos que dea vida á cidade nos vindeiros meses estivais”, comeza lamentando a edil do PSdeG no Concello de Ourense Cristina Cruz logo de preguntar no pleno ordinario de xuño se o goberno municipal tiña previsto organizar programación cultural de verán.

Neste senso, lamentan a resposta do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que afirmou que habería eventos privados e que “as nosas festas non coinciden co verán”, polo que non hai previsión de ofrecer alternativas á veciñanza e ao turismo e reducindo todo o ocio exclusivamente á organización destas celebracións.

“Mentres outras cidades galegas levan semanas anunciando festivais, ciclos culturais e actividades nas rúas, aquí, o executivo local volve amosar unha total falta de planificación e interese pola cultura. Dende o grupo municipal socialista levamos tempo denunciando este abandono. Ourense non pode permitirse outro verán máis sen cultura, sen alternativas de ocio público e sen apoio aos nosos e ás nosas artistas”, engade ante a pasividade e o menosprezo de DO con respecto a todo aquelo que non inclúa orquestras e charangas.

⚙ Configurar cookies
0.17872405052185