O PSdeG solicita unha visita ás obras do Xardín do Posío ante a crecente preocupación polo seu impacto ambiental

OurenseXa
Advirten das inquedanzas trasladadas por colectivos veciñais e ecoloxistas que alertan dunha posible desviación do proxecto consensuado inicialmente e dun impacto negativo sobre a masa arbórea e o carácter verde do espazo
tala-de-arbores-xardin-do-posio
24 Jan 2026

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense solicitou formalmente unha visita ás obras de rehabilitación do Xardín do Posío, así como o acceso ao proxecto modificado, no caso de que existan cambios respecto do plan inicial. A petición chega ante a crecente preocupación social e ambiental xerada polo desenvolvemento dos traballos.

Dende o PSdeG reiteran o seu apoio á rehabilitación integral do xardín, ao considerala unha actuación “imprescindible e necesaria”, avalada no seu momento por todas as forzas políticas e pola propia cidadanía, ao tratarse dun dos espazos naturais e históricos máis emblemáticos da cidade.

Porén, tras máis dun ano de execución das obras, os socialistas advirten das inquedanzas trasladadas por colectivos veciñais e ecoloxistas, como Amigas das Árbores, que alertan dunha posible desviación do proxecto consensuado inicialmente e dun impacto negativo sobre a masa arbórea e o carácter verde do espazo. “Entendemos perfectamente a preocupación cidadá, especialmente cando se trata dun espazo de alto valor histórico, botánico e ambiental”, sinala a portavoz socialista, Natalia González.

Segundo o grupo municipal, as informacións e as imaxes difundidas nas últimas semanas amosan a substitución de zonas tradicionalmente arboradas por superficies duras, así como a eliminación dun número de árbores superior ao previsto inicialmente. Unha situación que, ao seu xuízo, require explicacións claras por parte do goberno local. “Esta situación, entendemos, esixe explicacións claras, rigorosas e inmediatas por parte do goberno municipal. A cidadanía ten dereito a saber se o proxecto que se está a executar é o mesmo que foi aprobado e consensuado”, engade González.

Por este motivo, os socialistas reclaman poder visitar as obras xunto co goberno municipal e cos responsables técnicos correspondentes, ademais de dispoñer do proxecto modificado, para coñecer de primeira man as decisións adoptadas e as súas consecuencias.

“A transparencia non é unha opción, é unha obriga cando se están a investir preto de 2,6 millóns de euros de fondos públicos. Consideramos que unha obra destas características non pode verse devaluada nin afastarse das necesidades actuais da veciñanza”, afirma a portavoz, que apela á responsabilidade do alcalde e do goberno municipal para abandonar a opacidade, priorizar o diálogo coa cidadanía e preservar a esencia do Xardín do Posío como “refuxio climático, espazo de biodiversidade e memoria viva de Ourense”.

⚙ Configurar cookies
0.11193895339966