O PSOE acusa ao PP de bloquear as obras do AVE de Ourense durante dez anos
O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “cinismo” do Partido Popular e os “incontables ataques” dos populares as obras do tramo da liña da alta velocidade (LAV) galega entre Taboadela e Ourense, coñecida como variante exterior de Ourense. As e os socialistas critican que os conservadores “veñan agora pedindo avances urxentes na variante exterior, despois de bloquear esta obra durante unha década a base de parálise, tapiados e pisoteos”.
A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, lembran que esta obra “é realidade gracias ao impulso e compromiso inquebrantable do Goberno de Pedro Sánchez”. Neste senso apuntan que “se o AVE chega hoxe a nosa cidade é grazas ao pulo do goberno socialista que dende 2019 traballou arreo nesta infraestrutura na que o PP optaba anteriormente pola parálise e o tapiado de túneles”.
Ante os “furibundos” ataques dos representantes ourensáns do Partido Popular no Congreso e Senado, que só buscan a “confrontación”, as e os socialistas explican que “agora co PSOE temos obras e proxectos e antes, co PP na Moncloa, tiñamos a un ministro que cuestionaba esta obra e a un ministerio que tiraba os expedientes ao lixo, co silencio cómplice destes cargos do PP de Ourense, que aplaudían estes ataques a nosa provincia”. Martín e Villarino afirman que a variante exterior e o AVE “só foi posible grazas a un goberno socialista, logo de que o proxecto estivese paralizado desprezado, postergado e vilipendiado polo executivo de Rajoy, cunha Xunta e un PP de Ourense silentes e compracentes ante aquela marxinación”.
“Os conservadores meteron este tramo nun caixón do Ministerio de Fomento en 2012 e alí quedou agochado, porque non moveron nin un so papel nin puxeron un só euro para obras, cando os trámites administrativos xa os deixou encarrilados o goberno de Zapatero”, recordan dende o PSdeG-PSOE de Ourense antes de salientar que “a obra só saíu do ostracismo tras volver o PSOE a La Moncloa”.
“Non debemos esquecer que recibía a impresentable cifra de 0 euros nos orzamentos xerais do estado de 2018, os últimos do PP, fronte aos centos de millóns incluídos nas actuais contas do goberno de Sánchez”, aseveran. “O único que fixeron os populares foi recortar as características e cuestionar a súa necesidade por boca dun dos seus ministros”, recordan. “O PP, co beneplácito de Feijóo e do PP de Ourense, que non reclamaron absolutamente nada durante os anos de goberno de Rajoy, son os responsables máximos de que as obras máis importantes de historia da cidade de Ourense estiveran en barbeito, paralizadas e sen cartos”, insisten Marga Martín e Rafa Villarino.
Por último, os representantes socialistas en Congreso e Senado instan aos deputados, deputadas, senadores e senadoras populares “a criticar a desidia e a discriminación que fai o goberno da Xunta de Galicia á provincia de Ourense”. Neste senso apuntan que “namentres critican a un Goberno que segue realizando investimentos na provincia, calan e aplauden que o PP e Alfonso Rueda sigan sen realizar os investimentos necesarios en infraestruturas por toda a xeografía ourensá, manteñan a día de hoxe sen rematar a obra da ponte de Xunqueira de Espadanedo, voten en contra dun CAPD público na cidade e non aposten pola renovación de estradas de titularidade autonómica”.