O PSOE apoiará á veciñanza de Peliquín e pide a Jácome que se posicione

OurenseXa
Os socialistas apoian as demandas da veciñanza de Peliquín, que piden unha solución ante a instalación dun paso a nivel no barrio, e esixen ao alcalde de Ourense que tome partido a favor dos veciños e veciñas
O PSOE de Ourense nun encontro coa veciñanza de Peliquín
O PSOE de Ourense nun encontro coa veciñanza de Peliquín
16 Out 2024

Logo da reunión mantida esta mañá coa veciñanza de Peliquín, a voceira socialista no Concello de Ourense, Natalia González, destacou que dende a Subdelegación do Goberno nos últimos anos “se traballou man a man e en contacto permanente con responsables de ADIF e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, canalizando as demandas, trasladando toda a información requirida e conseguindo melloras con respecto ao proxecto e o trazado inicialmente previstos”.

E neste senso, lembrou que o proxecto, que responde a unha demanda histórica para a cidade, ve a luz por fin, “ao igual que outros como a chegada da Alta Velocidade, a Variante Norte, a Variante Exterior, a recuperación do Museo Arqueolóxico, ou a rehabilitación Arquivo Histórico Provincial de San Francisco, baixo o mandato de Pedro Sánchez no noso país e grazas á súa vontade de apostar economicamente por Ourense, sacando todos os proxectos estratéxicos para a cidade do caixón no que levaban décadas”.

O recente mes de abril ADIF sacou a concurso a supresión do paso a nivel de Peliquín cun orzamento destinado superior a 2,3 millóns de euros, co obxectivo de que as obras estean rematadas no 2025. “O goberno municipal de DO e Gonzalo Pérez Jácome decidiron, durante este tempo, non tomar partido e poñerse de perfil á hora de apoiar as reivindicacións veciñais ante ADIF e o Ministerio no relativo á supresión do paso a nivel consideraron, como é habitual, máis sinxelo botar a culpa a outros que facer algo dende a súa máxima responsabilidade institucional”, recriminou a portavoz e secretaria xeral do PSdeG na cidade.

Ademais, dende o grupo socialista, explican que é certo que ADIF e o Goberno accederon a levar adiante melloras no proxecto inicial, pero que non se puido atender a reivindicación chave para os representantes da AVV por considerarse inviable tecnicamente a súa execución: a realización dun paso inferior para peóns e vehículos no mesmo lugar que a día de hoxe ocupa o espazo.

Así as cousas, Natalia González considera que “a única solución posible para levar adiante o solicitado pola veciñanza ten que vir da man do Concello de Ourense” que dende o executivo local “deben poñerse a traballar xa para que unha vez rematadas ou no decurso das obras se poidan estudiar, e de ser o caso materializar, outras alternativas se estas foran precisas, xa que a adxudicación das obras producirase en próximas datas, o igual que o remate das expropiacións, e as obras comezarán antes do fin do presente ano”.

As socialistas trasladaron o seu apoio unha vez máis á veciñanza do barrio de Peliquín e apoiaron un documento conxunto que recolle as súas demandas e que ten como obxectivo darlle traslado a outras institucións e organismos oficiais.

0.15430688858032