O PSOE critica o voto en contra do PP provincial para levar a cabo un Plan Estratéxico de Servizos Sociais.

O Pleno da Deputación de Ourense rexeitou este venres a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para impulsar un Plan Estratéxico Provincial de Servizos Sociais e aumentar o apoio ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Segundo o PSOE, o Partido Popular (PP) cometeu "un erro sen precedentes" ao votar a favor dunha emenda de adición presentada por eles mesmos, pero posteriormente votar en contra da moción completa, contradicindo así a súa propia proposta.
Segundo indican os socialistas, "o PP votou contra a súa propia emenda, contra a súa proposta. Isto non ten explicación e demostra un desleixo cara ao traballo do resto dos grupos, unha falta de coordinación interna alarmante e un descoñecemento absoluto do funcionamento institucional".
O portavoz socialista, Álvaro Vila, defendeu durante o Pleno a necesidade de que a Deputación elabore un Plan Estratéxico Provincial de Servizos Sociais, tomando como referencia outras deputacións como as da Coruña e Lugo, e que se incremente de maneira significativa o financiamento destinado ao SAF. Neste sentido, Vila indicou que "os concellos ourensáns asumen case un 30% do custo do SAF con recursos propios, mentres a Xunta de Galicia só cobre pouco máis dunha cuarta parte, incumprindo as súas competencias exclusivas en servizos sociais. Fronte a esta situación de asfixia económica, esiximos que a Deputación asuma un papel máis activo e ambicioso".
En canto ás prioridades do PP, os socialistas denuncian unha "contradición manifesta". Segundo Vila, "o presidente Menor comprometeuse publicamente a aportar os recursos necesarios para a remodelación do estadio de O Couto, pero durante o debate desta moción argumentou que non hai recursos para reforzar a financiación dos servizos sociais nos concellos. As prioridades do Partido Popular están absolutamente claras: hai cartos para o estadio, pero non para os nosos maiores".
A moción socialista incluía tres propostas concretas: a elaboración dun Plan Estratéxico Provincial de Servizos Sociais con obxectivos cuantificables e liñas prioritarias, un incremento substancial do financiamento para o SAF en municipios de menos de 20.000 habitantes con achegas estables e plurianuais, e a petición á Xunta para que cumpra coa obriga legal de elaborar o Plan Estratéxico de Servizos Sociais de Galicia. Para o PSOE, son "propostas de sentido común que beneficiarían directamente aos municipios e á poboación máis vulnerable".
Os socialistas lamentan que "o voto en contra do PP deixa aos concellos completamente sós fronte á asfixia económica que supón financiar o SAF". Álvaro Vila subliñou que "tras 16 anos desde a aprobación da Lei de Servizos Sociais de Galicia, a comunidade segue sen contar cun plan estratéxico, sendo practicamente a única comunidade autónoma de España sen esta ferramenta básica de planificación, un incumprimento legal reiterado que evidencia o desinterese da Xunta polo sistema galego".
O PSOE tamén comparou a actuación da Deputación ourensá coa doutras deputacións que si destinan fondos significativos ao SAF. "Mentres outras deputacións como a da Coruña, que destina 8,7 millóns de euros, ou Lugo, que achega 3,3 millóns, Ourense mantense ao marxe desta emerxencia social. O SAF é esencial nunha das provincias máis envellecidas do país. Os nosos maiores merecen un servizo digno e de calidade, e os nosos concellos merecen o respaldo da institución provincial. O voto en contra do PP hoxe é un voto contra os concellos ourensáns e contra as persoas maiores da nosa provincia", concluíu Vila.