O PSOE da Merca propón crear un centro de día para persoas maiores no antigo centro de saúde do municipio

OurenseXa
Lembran que o concello “carece a día de hoxe dunha infraestrutura adecuada para atender as necesidades da veciñanza de maior idade” e sinalan que o edificio do antigo centro de saúde “representa a opción máis rápida, eficiente e económica”
antigo-centro-de-saude-a-merca
12 Nov 2025

O PSdeG-PSOE da Merca vén de presentar unha moción que será debatida o vindeiro pleno co obxectivo de impulsar a creación dun centro de día para persoas maiores na infraestrutura do antigo centro de saúde do municipio.

Os socialistas lembra que o concello “carece a día de hoxe dunha infraestrutura adecuada para atender as necesidades da veciñanza de maior idade” e sinalan que o edificio do antigo centro de saúde, propiedade do concello e en desuso, “cumpre unha serie de requisitos básicos como a súa localización, céntrica e accesible, as boas conexións de transporte, unhas dimensións suficientes para albergar salas de terapia, comedores e despachos e unha estrutura adaptable para cumprir a normativa de accesibilidade e seguridade”.

Carlos Sousa, voceiro do PSdeG-PSOE na Merca, considera que o municipio “precisa dun recurso esencial como un centro de día, que proporcionará atención integral durante o día ás persoas maiores que presentan algún grao de dependencia física ou cognitiva, pero que non requiren de internamento”. O edil subliña que o centro permitirá ofrecer “terapias de estimulación, actividades socio-culturais e servizos asistenciais”, favorecendo así “a socialización, combater a soidade non desexada e garantir o apoio e a conciliación familiar ás persoas coidadoras”.

Sobre a elección do antigo centro de saúde, Sousa destaca que “representa a opción máis rápida, eficiente e económica para dar resposta urxente a esta necesidade social” e que o seu aproveitamento “evitaría longos prazos de agarda e os altos custos asociados á construción dun novo edificio, permitindo unha posta en marcha do servizo nun tempo moito menor”.

O grupo socialista tamén lembra que o envellecemento da poboación na Merca é unha realidade consolidada, cunha porcentaxe de máis do 60% da veciñanza maior de 65 anos, o que xera “unha crecente demanda dos servizos sociais especializados que permitan aos nosos maiores manter a súa autonomía e calidade de vida, á vez que ofrecen un respiro e apoio ás súas familias coidadoras”.

Na moción presentada ao pleno, o PSdeG-PSOE propón varios puntos de acordo, entre os que destacan a declaración da creación do centro de día como prioridade estratéxica, a avaliación técnica e económica inmediata da viabilidade do proxecto, a elaboración dun plan preliminar de adaptación e financiamento, a creación dunha comisión interdisciplinar para axilizar os trámites e o traslado da iniciativa á consellería autonómica para solicitar colaboración técnica e económica.

⚙ Configurar cookies
0.083965063095093