O PSOE de Ourense logra aprobar dúas mocións para reactivar os consellos educativos e apoiar ás familias monomarentais

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense conseguiu sacar adiante dúas mocións presentadas no pleno ordinario celebrado esta mañá. As propostas, que recibiron o apoio do PP e do BNG e a abstención de Democracia Ourensana, buscan reactivar os consellos municipais de Infancia e Adolescencia e o Consello Escolar, así como impulsar medidas de apoio ás familias monomarentais da cidade.
Durante o debate, a concelleira do PSdeG Cristina Cruz defendeu a necesidade de dar voz á mocidade e fomentar a súa participación nas políticas locais. “Como representantes públicos debemos ser quen de apostar pola xente nova que son o noso futuro, escoitar as súas inquedanzas, problemáticas e desexos. Ver de preto as súas necesidades e medos; que sintan que están nunha cidade segura e amable que os/as escoita e que fará todo o que estea na súa man para apoialos”, afirmou.
A edil insistiu en que datas simbólicas como o 11 de outubro, o 25N ou o 8M non deben quedar reducidas a “unha simple fotografía ou a actividades puntuais”. “Consideramos que non son suficientes as mostras de apoio e as reivindicacións un día só, senón que temos que empregar mecanismos, como o Consello de Infancia e Adolescencia, para contrarrestar dende a máis temprana idade os estereotipos de xénero, eliminar dende a base a violencia machista e educar en igualdade. Temos que seguir loitando dende as institucións en borrar, como dixo Annie Ernaux, ese sentimento das mulleres de estar nunha inferioridade natural con respecto ao home”, engadiu.
A segunda moción aprobada, tamén co apoio do PP e o BNG e a abstención de DO, ten como obxectivo o recoñecemento e apoio ás familias monomarentais. A voceira socialista Natalia González destacou a importancia de “avanzar cara a un recoñecemento administrativo expreso destes núcleos familiares, no que se visibilice a súa especificidade e se poidan aplicar beneficios fiscais, axudas ou servizos adaptados ás súas circunstancias”.
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, en Ourense existen 5.750 fogares monomarentais, o que representa o 12,6% do total, e máis do 80% están encabezados por mulleres. González subliñou que “trátase dun fenómeno que require unha mirada específica e unha resposta pública con perspectiva de xénero e de infancia. Estas familias afrontan dificultades adicionais para conciliar a vida laboral e familiar, acceder a unha vivenda, dispoñer de apoios institucionais e cubrir as necesidades básicas, especialmente cando se trata de mulleres novas, con empregos precarios ou sen rede familiar”.
A moción insta tamén á Xunta de Galicia a poñer en marcha o Rexistro Galego de Familias Monoparentais e a impulsar un plan autonómico de apoio que inclúa medidas de conciliación, axudas á crianza, acceso á vivenda e atención prioritaria nos servizos públicos.