O PSOE de Ourense pide ao Concello que impulse un plan de investimentos con cargo ao remanente de tesourería

OurenseXa
Tamén reclamarán que o executivo municipal elabore un Plan de Pago a Provedores co obxectivo de que o período medio de pago do Concello de Ourense sexa inferior a 30 días no primeiro semestre do ano 2026
María Fernández Ojea, grupo municipal socialista de Ourense
María Fernández Ojea
28 Jul 2025

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense presentará no próximo pleno ordinario de agosto unha moción na que propón a elaboración e posta en marcha dun plan de investimentos con cargo ao remanente de tesourería. A proposta enmárcase na preocupación do PSdeG pola situación económica do consistorio e pola falta de resposta ás necesidades básicas da cidade.

Segundo a concelleira socialista María Fernández, “o remanente medra mentres existen necesidades sen cubrir: abonar nóminas de traballadores e traballadoras, facer fronte a pagos no prazo legal esixido, servizos públicos obsoletos, problemas de abastecemento e saneamento, abandono do rural, ausencia de programas sociais… Se o remanente se acumula sen destinarse a mellorar todas estas eivas, non podemos máis que interpretar a xestión como deficiente ou pouco ambiciosa”.

En base aos datos da liquidación orzamentaria de 2024 e aos informes de Tesourería, o Concello de Ourense dispón dun remanente de tesourería de máis de 177 millóns de euros, dos cales preto de 145 millóns serían utilizables para gastos xerais, unha vez descontados os fondos afectados e os ingresos de difícil recadación.

O PSdeG propón que ese fondo se empregue nun plan que denominan “Plan ReXenera Ourense”, orientado a investimentos sostibles e de longo percorrido, elaborado de forma consensuada, transparente e viable desde o punto de vista legal e orzamentario.

Ademais, o grupo socialista solicitaralle ao goberno local que deseñe un Plan de Pago a Provedores, co fin de que o período medio de pago do concello se sitúe por debaixo dos 30 días durante o primeiro semestre de 2026. Consideran que, antes de acometer novos investimentos, é necesario garantir primeiro os pagos pendentes, mellorar os servizos básicos e reforzar a atención social.

⚙ Configurar cookies
0.17459297180176