O PSOE de Ourense reclaman un plan integral para as infraestruturas viarias da cidade

As concelleiras do PSdeG en Ourense presentarán no pleno ordinario de marzo unha moción que reclama un cambio estrutural na xestión das infraestruturas viarias tras os problemas rexistrados na rúa Pena Trevinca.
O grupo socialista subliña que a situación da rúa evidencia a falta de planificación preventiva e de control técnico, e pide que se abandone a chamada “cultura do parche” para apostar por unha xestión urbana baseada na prevención e no mantemento estruturado. Entre as medidas propostas destacan a aprobación dun Plan Integral de Control e Mantemento Viario, que inclúa un mapeo técnico do estado do firme, a creación dunha plataforma integrada de xestión e a implantación dun modelo de mantemento preventivo.
A edil Alba Iglesias destacou que sería necesario executar unha rehabilitación integral e definitiva da rúa mediante contrato de emerxencia, que abarque a renovación da calzada e das beirarrúas, a mellora da drenaxe, a instalación de iluminación máis eficiente e a reordenación do espazo público. Ademais, propoñen reformar o parque infantil adxacente, cun investimento estimado entre 450.000 e 550.000 euros, para garantir unha intervención estrutural que evite gastos recorrentes no futuro.
“Consideramos que a situación actual require abandonar a ‘cultura do parche’ e avanzar cara a un modelo serio, innovador e responsable de mantemento urbano, baseado na planificación, no control técnico e na seguridade da veciñanza”, afirmou Iglesias.
A moción busca que exista un antes e un despois na xestión viaria de Ourense, pasando dunha actuación puntual e improvisada a unha planificación integral que garanta a seguridade e a funcionalidade das vías municipais.