O PSOE e a Asociación Amigos das Termas denuncian o desleixo de Jácome co termalismo na cidade

OurenseXa
Os socialistas comprometéronse a seguir defendendo iniciativas para lograr a reapertura das Burgas e do resto de termas públicas
reunion-psoe-amigos-das-termas
28 Jan 2025

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense mantivo unha reunión con representantes da asociación Amigos das Termas na que afondaron nas serias dificultades que atravesan as diferentes áreas termais da cidade e concordaron na irresponsabilidade do executivo de Gonzalo Pérez Jácome ao manter o 80% das pozas públicas pechadas. “É algo que levamos meses denunciando porque estamos a falar dun recurso natural que non só atrae a turistas, senón que mellora a calidade de vida dos e das ourensás”, incide Natalia González Benéitez, portavoz do PSdeG na Administración local.

Hai anos que vivimos sumidos nun apagado termal que, logo de confirmar o alcalde que non se abriría a piscina das Burgas ata dentro de polo menos 9 meses máis, non ten data de remate. A situación actual require de explicacións que o goberno municipal non está a dar nin á oposición nin á cidadanía posto que dende a asociación solicitaron, ata en 52 ocasións, reunirse co rexedor sen que se concretase ningún encontro”, lamenta a voceira ante a pasividade do goberno de Democracia Orensana.

Neste senso, as e os socialistas comprometéronse a continuar presentando iniciativas que esixan a reapertura da piscina que se atopa no corazón da cidade e do resto de termas públicas; así como a reclamar as responsabilidades políticas pertinentes, do executivo local e do autonómico, ante a pasividade de ambas administracións ao longo da última década no eido termal.

Tamén incidiron dende o grupo municipal do PSdeG na urxencia de poñer en funcionamento os trens turísticos, como levan semanas reclamando, e para cuxas novas adquisicións se habilitaron partidas orzamentarias no último trimestre de 2023. “Na primeira sesión plenaria deste mes de xaneiro xa preguntamos cando tiña pensado o executivo poñer en marcha os trens que se retiraron de circulación hai máis dun ano e o alcalde contestou que tardarían preto dun ano máis en volver a empregarse”, recorda a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.

Hai unha clarísima involución no Termalismo da cidade que non está sabendo aproveitar os seus recursos económicos e de benestar para a veciñanza”, remata lamentando a socialista que reafirmou o seu compromiso pola defensa dos recursos públicos e na loita para que a terceira urbe da Comunidade Autónoma se converta nun futuro en Capital Termal de Galicia.

0.18031191825867