O PSOE esixe a Jácome que acelere os trámites para formalizar canto antes a addenda do Xantar na Casa

O grupo municipal do PSdeG de Ourense denunciou esta mañá durante as Xuntas de Área que a ampliación a 100 prazas do programa Xantar na Casa, aprobada por unanimidade do Pleno a iniciativa do PSOE, non estará operativa en 2025, tal e como estaba previsto.
As socialistas explican que durante a reunión mantida no Concello confirmouse que as persoas maiores da cidade terán que esperar ata o ano 2026 para a ampliación do programa Xantar na Casa. Unha cuestión que atribúen á “mala xestión do executivo local anterior do PP e do actual de DO”.
As concelleiras do PSOE advirten que a addenda ao convenio coa Xunta de Galicia, necesaria para incrementar o financiamento ata as 100 prazas, aínda non foi asinada, nin pola Administración municipal nin pola autonómica. O motivo, din, son as débedas pendentes do ano 2016, acumuladas durante o gobernó local do PP de Jesús Vázquez, que impiden formalizar o acordo ata que sexan abonadas e recoñecidas extraxudicialmente no próximo Pleno.
As socialistas lembran que xa antes do verán había nove persoas en lista de agarda e todas as prazas estaban cubertas, polo que consideran que a ampliación era urxente e necesaria para garantir unha atención digna ás persoas maiores e dependentes da cidade.
“É inaceptable que se condene aos nosos e nosas maiores a agardar ata 2026 para acceder a algo esencial como é Xantar na Casa. Levan anos deteriorando os servizos sociais e agora impiden ampliar un programa fundamental para a calidade de vida da nosa xente maior”, sinalan as socialistas, que acusan ao PP de “chegar tarde” na súa recente denuncia sobre o estado dos servizos sociais, logo de aprobar e apoiar modificacións orzamentarias que non melloraron a atención social, e lembra que PP e DO son corresponsables do deterioro dos servizos sociais en Ourense e do incremento da pobreza na cidade.
As socialistas esixen agora ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome que resolva de inmediato as débedas pendentes e acelere todos os trámites para que a addenda poida formalizarse canto antes, evitando novos atrasos que prexudiquen ás familias e ás persoas maiores dependentes.