O PSOE esixe a Jácome que pague as luces de Nadal “en tempo e forma”

O grupo municipal socialista de Ourense criticou duramente a xestión do alcalde Gonzalo Pérez Jácome en relación co alumeado de Nadal e a ordenanza fiscal sobre a recollida de lixo, durante o pleno extraordinario celebrado esta mañá.
A edil do PSdeG, María Fernández Ojea, denunciou que o Concello “ten sen pagar as luces de Nadal do ano pasado”, e advertiu que, aínda que xa se instalaron as deste ano, “tamén quedarán sen pagar”. “Unha persoa que merca cousas sen poder pagalas a sabiendas, porque é a sabiendas, eu penso que debería pedir desculpas e tentar facer estas cousas doutra maneira ou dimitir, porque non ten capacidade política suficiente para xestionar algo que fixo mal cinco veces”, avisou a concelleira socialista.
Fernández Ojea sinalou ademais que “a primeira vez que che pasa unha cousa é un erro, a segunda pode ser fallo de planificación, pero a terceira é porque che dá exactamente igual porque sabes que vai haber quen tape as túas vergonzas”. Por iso, reclamou que se o equipo de goberno quere apostar polas “verbenas e o alumeado”, polo menos “faga o favor de realizar as contratacións conforme á lei e se paguen en tempo e forma”.
Por outra banda, as socialistas tamén se manifestaron en contra da aprobación provisional da ordenanza fiscal que derroga a actual regulación da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo. Fernández Ojea reiterou o seu rexeitamento a que “os veciños e veciñas de Ourense paguen máis por un servizo que non vai a mellorar”. Con ironía, apuntou: “Entendo que isto sexa culpa de Pedro Sánchez, como todo, pero é Gonzalo Pérez Jácome quen asina a ordenanza e o decreto”.
Na súa intervención, a edil lembrou que “a normativa estatal o que di é que quen contamina, paga”, e criticou que, a pesar de que “moitos executivos, de diferentes cores políticas, adaptaron a ordenanza para que a cidadanía non asumira o aumento das taxas indiscriminadamente e por igual”, o alcalde agora defenda xusto o contrario. “O foco está en que vostede foi quen subiu o recibo da auga e do lixo cando ambos servizos están en precario”, sinalou, engadindo que Jácome “está esixindo á veciñanza que pague máis cando o Concello non paga o servizo á empresa porque está en precario”.