O PSOE provincial pide máis medios e coordinación para facer fronte ao temporal de neve en Ourense

OurenseXa
Advirten de que os concellos afrontarán necesidades urxentes nas súas redes viarias municipais e provinciais, así como posibles incidencias no subministro eléctrico e noutros servizos
alvaro-vila
23 Jan 2026

O Grupo Provincial Socialista reclama á Deputación de Ourense unha resposta activa e coordinada para apoiar aos concellos ante o temporal de neve previsto nas próximas horas na provincia. A iniciativa chega tras as alertas laranxa e amarela emitidas por AEMET e MeteoGalicia, que anuncian fortes nevadas, especialmente nas zonas de montaña, con acumulacións que poderían superar os 20 centímetros e unha cota de neve que baixará ata os 400 metros.

Segundo lembran os socialistas, a situación meteorolóxica xa provocou a suspensión das clases en todos os centros educativos da provincia e a activación do Plan Invernal de Estradas. Advirten de que os concellos poden verse desbordados por incidencias nas estradas municipais e provinciais, así como por posibles cortes de subministración eléctrica, problemas de abastecemento de auga ou riscos derivados da caída de árbores, especialmente no rural.

O secretario provincial do PSdeG e voceiro na Deputación, Álvaro Vila, defendeu que a institución provincial debe asumir un papel protagonista nestas circunstancias. Ao seu xuízo, a Deputación conta con medios técnicos, persoal especializado e recursos económicos que deben mobilizarse con rapidez para garantir a seguridade da veciñanza e apoiar aos municipios máis afectados.

A solicitude presentada polos socialistas reclama a activación dos protocolos de emerxencia e a posta a disposición dos concellos de maquinaria como quitaneves, palas ou vehículos todoterreo, así como do persoal necesario para a súa operatividade. Ademais, instan a reforzar a coordinación con outras administracións e organismos xa mobilizados, como a Xunta de Galicia, a Subdelegación do Goberno, Protección Civil ou o Consorcio de Bombeiros.

Finalmente, o Grupo Provincial Socialista pide que se establezan canles claras para que os concellos poidan solicitar axuda inmediata e que, unha vez superado o episodio, se realice unha avaliación dos danos co obxectivo de planificar a recuperación das infraestruturas afectadas.

⚙ Configurar cookies
0.086122989654541