O PSOE reclama medidas ante a inminente entrada en vigor da Zona de Baixas Emisións na cidade de Ourense

OurenseXa
Entre as medidas formuladas, o PSOE reclama a creación dun Plan Extraordinario de Aparcamento e solicita que se apraze a supresión do servizo da ORA
Rúa Curros Enríquez, Ourense
22 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista de Ourense presentou unha batería de propostas para tratar de corrixir a implantación “inminente” da Zona de Baixas Emisións (ZBE), prevista para o vindeiro 26 de decembro, e evitar que o que debería ser unha “oportunidade” acabe converténdose nun problema para a cidade.

As e os socialistas consideran que o proceso se está a levar a cabo desde a “desinformación, a improvisación e a falta de diálogo”, unha situación que, ao seu xuízo, pode provocar confusión na cidadanía, sancións innecesarias e un “caos circulatorio” evitable cunha maior planificación por parte do Goberno municipal.

Entre as medidas propostas, o PSOE reclama a creación dun Plan Extraordinario de Aparcamento e solicita que se apraze a supresión do servizo da ORA ata contar con “alternativas operativas”. Neste senso, cualifican de “irresponsabilidade” que a eliminación do servizo deixe nun “limbo” laboral ás 13 persoas traballadoras afectadas, sen unha solución definida.

O plan proposto incluiría a creación de aparcadoiros disuasorios modulares e temporais, a implantación de sistemas intelixentes de estacionamento para residentes, a creación de microhubs urbanos de distribución e a reactivación da Comisión Técnica de Seguimento do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS).

A voceira do Grupo Municipal Socialista, Natalia González, subliñou que a ZBE debería servir para avanzar cara a unha mobilidade máis sostible, pero advertiu de que se está a implantar nun contexto de deterioro do transporte urbano, cun servizo público “deficiente e mal conectado”. Así mesmo, alertou da “inexistencia” dunha campaña informativa clara e concisa.

Desde o PSOE lembran que xa no mes de xullo presentaron emendas á ordenanza da ZBE para corrixir estas eivas, propostas que foron rexeitadas. Por iso, sinalan ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, como o único responsable das consecuencias que poida ter a implantación do novo modelo de mobilidade.

⚙ Configurar cookies
0.075405120849609