O reparto dos alimentos do programa de Xantar na Casa comeza a funcionar en Ourense

OurenseXa
Os socialistas pregan ao Goberno Municipal que non deixe morrer este servizo "como fixo co comedor sobre rodas"
Concello_Ourense_recurso_2
Concello de Ourense
10 sep 2024

Dende o grupo municipal do PSdeG celebran que, despois de medio ano, se dea resposta a unha necesidade básica para persoas dependentes e maiores que viven soas, aínda que amosan as súas reticencias respecto ao programa de Xantar na Casa por considerar que perdeu calidade o servizo prestado en comparación co Comedor sobre Rodas do que dispoñía o Concello de Ourense anteriormente. “Insistimos en que é imprescindible ofertalo e xestionalo apropiadamente para que non acabe desaparecendo por completo en pouco tempo”, advirte a portavoz socialista, Natalia González Benéitez.

Neste senso, lembra que o reparto dos alimentos que se efectuará a partir de hoxe será un día á semana, mentres que o programa anterior servía de termómetro para comprobar que as persoas se atopaban en bo estado e se alimentaban, según o pautado especialmente para elas, día a día.

“A desidia e a inquina co desmantelamento dos servizos sociais e a igualdade no Concello de Ourense por parte do alcalde e o seu goberno, levou por diante a máis de 60 persoas usuarias que se quedaron sen un servizo esencial para eles”, afirma a voceira dos e das socialistas. E engade que, probablemente, algunhas usuarias e ususarios xa non o retomen o servizo “porque tiveron que buscar alternativas urxentes” dende que o executivo de Jácome os abandonou, sen ofrecer opción algunha, hai seis meses.

“O programa Xantar na Casa, da Xunta de Galicia, é un parche de peor calidade que serve de ‘bypass’ para manter con respiración asistida ao antigo Comedor sobre Rodas, pero que non aporta todo o osíxeno que precisa unha poboación coas características de envellecemento e dependencia que presenta a ourensá”, finaliza contundente.

0.20539212226868