O Servizo de Mobilidade da provincia de Ourense rexistrou 3.691.768 usuarios en 2025

O Servizo de Mobilidade de Ourense, dependente da Xunta de Galicia, rexistrou durante 2025 un total de 3.691.768 usuarios, o que supón un incremento do 3,4 % respecto ao ano anterior, segundo os datos presentados este luns polo delegado territorial do Goberno galego na provincia, Manuel Pardo, quen subliñou o papel desta rede de transporte para responder ás necesidades de mobilidade da cidadanía ourensá.
Segundo explicou, o sistema que xestiona o Servizo de Mobilidade conta actualmente con 30 concesións que, ao longo de 2025, mantiveron en funcionamento 704 liñas e 3.713 paradas físicas repartidas polos 92 concellos da provincia. Estas cifras supoñen un incremento respecto a finais de 2024, cando estaban operativas 699 liñas e 3.685 paradas. En total, durante o pasado ano prestáronse 299.556 servizos, tamén por riba dos rexistrados no exercicio anterior.
Manuel Pardo subliña que estes datos responden ás peticións trasladadas desde distintos ámbitos da sociedade ourensá e ao aumento da demanda de transporte entre as comarcas da provincia e a cidade de Ourense. Neste contexto, lembrou o investimento realizado polo Goberno galego a través do Plan de Transporte Público de Galicia, que segundo os orzamentos de 2026 alcanza os 160 millóns de euros e que permite que “o 97% dos galegos teñen unha parada de autobús interurbano a menos de un quilómetro do seu domicilio”.
Outro dos piares do sistema, segundo destacan dende a Xunta, é o transporte integrado, que na provincia conta con 445 liñas. Ao longo de 2025 rexistráronse nel 1.969.988 viaxes de alumnado con praza reservada, cun uso diario de arredor de 7.100 estudantes. Ademais, durante o actual curso analizáronse 177 solicitudes de novas paradas presentadas polos centros educativos, das que 36 foron finalmente rexeitadas.
Respecto ao uso de tarxetas con bonificación, en 2025 realizáronse 1.305.938 viaxes con algún tipo de desconto, que supuxeron un total de 1.321.800 euros bonificados. Entre elas, 459.740 corresponderon a usuarios da tarxeta TMG Xente Nova e 213.810 a persoas maiores de 65 anos con tarxeta específica. A maiores, no caso de Barbadás, o convenio tarifario asinado co Concello permitiu un aforro de 173.279 euros para os usuarios, tras rexistrarse 381.215 desprazamentos ao longo do ano.
Pardo informou tamén de varias melloras introducidas recentemente no servizo, entre elas reforzos en conexións como O Barco de Valdeorras–A Pobra de Trives, Ourense–Bande, Ribadavia–Ourense ou A Gudiña–O Barco. Ademais, tras o peche da antiga estación de autobuses do Carballiño, habilitouse unha nova parada á altura do auditorio da vila para manter a cobertura na zona. Entre as novidades máis recentes figura tamén a incorporación dunha parada en A Serra, no concello de Leiro, nas liñas Avión–Ribadavia e IES de Ribadavia–Prexigueiro, así como a creación dun novo servizo entre Ribadavia e Ourense, que suma xa dez servizos diarios de luns a venres nun sentido e once no contrario.