O socialistas denuncian o “abandono” do barrio das Curuxeiras por parte do concello de Ourense

"Dende que Gonzalo Pérez Jácome chegou á Alcaldía non só as diferentes entidades da cidade atopan difícil poder trasladar as súas demandas ao executivo municipal, senón que as asociacións veciñais tamén encontran un muro de contención”, expón a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez. “Canto máis se se trata das persoas que viven nos barrios do rural, aínda que paguen os mesmos impostos que as que viven no centro da urbe”, engade.
Neste senso, dende o grupo municipal socialista lamentan que a veciñanza de As Curuxeiras leve anos convivindo con servizos públicos precarios mentres ve como se ignoran peticións de arranxos sinxelas e que suporían un investimento relativamente baixo para as arcas públicas. “A falta de vontade política de DO volve a ser o denominador común para que este barrio conte con deficiencias básicas que levan anos sen atopar resposta por parte de quen goberna”, afirma a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.
A imaxe se repite nas diferentes zonas rurais que xa visitaron as e os socialistas: rúas principais e de alto tránsito que precisan dun acondicionamento integral. “No caso de As Curuxeiras urxe realizar obras que vaian máis alá dos parches e recheos de fochancas. Precisan intervencións definitivas e que non requiren gran contía de cartos públicos”, incide a portavoz dos e das socialistas logo de manter un encontro con representantes da AVV As Laxas e aos que agradece o seu labor incesante dende o movemento veciñal.
Así mesmo, as e os residentes nesta área da cidade tamén padecen, segundo eles mesmos denuncian, continuos problemas co servizo eléctrico que provoca que en ocasións estean durante días sen iluminación nalgunhas rúas.
Tamén solicitan dende hai anos arranxos na área deportiva coa que contan neste barrio e, especialmente, nos vestiarios que foron obxecto do vandalismo en varias ocasións e que non se atopan en condicións óptimas para ser empregados polas persoas. “É unha mágoa que un enclave único e con tanto potencial non reciba, por parte do rexedor e o seu equipo de goberno, a atención que merece”, remata lamentando.