O socialistas ourensáns esixen ao Concello que execute as obras do CIMM

OurenseXa
Denuncian que o edificio no que a partir de este mércores terán que traballar as empregadas é un espazo compartido con outras dependencias municipais e que isto pode supoñer un detrimento na calidade asistencial que se preste e no labor que as profesionais realizan
CIM-Ourense
Centro de Información Municipal á Muller (CIMM) de Ourense
26 Jun 2024

O grupo municipal socialista esixe ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome que execute as obras de eliminación do gas radón no Centro de Información Municipal á Muller (CIMM). “Non podemos máis que rexeitar rotundamente o estudo de viabilidade que din ter encargado para saber se procede ou non realizar as melloras nas instalacións do que ata o de agora era a sede. Hai diñeiro para efectualas e teñen que facelo, sen buscar excusas”, afirma contundente a portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.

Nesta liña, engade que –unha vez rematen as obras– o CIMM debe voltar ao seu lugar de orixe posto que estaba considerado como o mellor de toda Galicia, entre outros motivos, polas condicións que reunía o emprazamento para prestar multitude de servizos e programas garantindo, por riba de todo, a confidencialidade das vítimas e usuarias.

“Non imos cesar de reclamar o que lle corresponde ás mulleres de Ourense que, en moitos dos casos, cando acoden a este centro se atopan nunha difícil situación de vulnerabilidade. Non imos cesar malia o obstrucionismo, as mentiras e a falta de transparencia porque non se nos escapa que a máxima premisa do alcalde segue sendo reducir á mínima expresión e erradicar as políticas sociais e de igualdade no Concello”, expón a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Denuncia dito obstrucionismo e falta de transparencia por ter reclamado, nas pasadas Xuntas de Área, saber se o goberno municipal enviara a información precisa á Xunta sobre a idoneidade das instalacións ás que se anunciou o seu traslado e non contestar. “Pedímolo tamén por escrito, pero continúan sen dar resposta”, subliña a voceira e engade que o día do pleno ordinario deste mes –no que todos os grupos da oposición esixiron as obras de eliminación do gas radón– non contestaran aínda o requerimento de oficio por parte do executivo autonómico.

Así mesmo, sinalan que o edificio no que a partir de mañá terán que traballar as empregadas é un espazo compartido con outras dependencias municipais e que isto pode supoñer un detrimento na calidade asistencial que se preste e no labor que as profesionais realizan.

“A concelleira Tamara Silva acusounos de mentir e alarmar á sociedade. Mais a realidade é que Democracia Orensana suprimiu os minutos de silencio para rexeitar institucionalmente a violencia machista sen presentar alternativa algunha, está a buscar excusas para non acometer as obras que precisa o CIMM e nas recentes festas de Ourense tampouco houbo puntos violetas para que as mulleres que puideran sufrir agresións sexuais atoparan axuda”, remata enumerando a socialista.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1886670589447