O subdelegado do Goberno coordina o dispositivo especial de seguridade para o Entroido de Ourense

OurenseXa
Reforzarase a seguridade especialmente nas zonas do centro da capital entre o 12 e o 18 de febreiro e instalarase un Punto Violeta nos soportais da Praza Maior
dispositivo-seguridade-entoido-ourense
4 Feb 2026

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, pediu “prudencia e responsabilidade” á cidadanía “para desfrutar dun Entroido divertido e seguro” durante a Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá, na que se coordinou o dispositivo especial que controlará as festas que terán lugar entre o 12 e o 18 de febreiro.

O operativo, deseñado para garantir a seguridade no Entroido de Ourense, conta coa participación da Policía Nacional, Policía Local, Protección Civil, bombeiros de Ourense, Emerxencias 112 Galicia, seguridade privada e servizos sanitarios. Entre as medidas destaca a instalación dun Hospital de Campaña preto da Catedral e un Posto de Mando Avanzado no Concello desde o sábado ata o luns. Ademais, a seguridade privada encargarase de controlar os accesos á Praza Maior e á Rúa do Progreso durante os días de actuacións musicais.

O subdelegado explicou que “haberá presenza policial reforzada e atención permanente ante calquera incidencia. Todo está pensado para que poidamos desfrutar da nosa festa con tranquilidade e que este sexa outro Entroido memorable en Ourense”. Para iso, a Policía Nacional reforzará os seus efectivos con unidades externas durante as noites para vixiar especialmente as zonas de maior concentración, como a Praza Maior, Rúa do Progreso, Santa Eufemia e Praza do Correxidor.

Pola súa parte, o Concello instalará un Punto Violeta durante as festas nos soportais da Praza Maior. Alida Iglesias, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, destacou que “o Punto Violeta é unha ferramenta moi útil contra as agresións porque presta auxilio ás vítimas, ofrece información e ten un importante efecto disuasorio”.

Durante a reunión tamén se repasou a situación da seguridade cidadá en Ourense. A Policía Nacional sinalou que nos últimos meses se rexistrou unha diminución dos delitos contra persoas e patrimonio, mentres que aumentou o esclarecemento. Actualmente, a principal problemática está relacionada con estafas e delitos asociados ás novas tecnoloxías.

⚙ Configurar cookies
0.081975936889648