O Teatro Principal de Ourense arranca o mes de abril con vistas á MITEU 2025

O Teatro Principal de Ourense arranca este xoves a súa programación para o mes de abril, coa proposta teatral ‘El castillo de lindacridis’ de Calderón de la Barca, da man da compañía Nao Damores.
Talía Teatro tamén visitará a cidade das Burgas este mes co seu novo espectáculo de gran formato, ‘Un deus salvaxe’, a partir dun texto de Yasmina Reza e baixo a dirección de Artur Trillo. O público ourensán poderá gozar o 5 de abril desta comedia negra que explora temas como a hipocrisía, a intolerancia e a soberbia na sociedade a partir das discusións entre os proxenitores de dous nenos que se enfrontan con violencia nun parque.
O 10 de abril desde Teatro de La Abadía chega a aplaudida ‘Casting Lear’, unha peza de autoficción creada por Andrea Jiménez a partir do Rei Lear de Shakespeare, improvisada en cada representación xunto a un actor distinto. Unha montaxe emocionante na que se reflexiona sobre a paternidade, o amor e o perdón a través dun exercicio teatral valente que investiga os cruces entre ficción e realidade.
A peza clásica ‘Bodas de Sangre’, de Federico García Lorca, e interpretada por Teatro del Temple, pechará o mes o vindeiro 26 de abril.
O mes estará protaginzado pola Mostra de Teatro Universitario de Ourense (MITEU 2025), que terá lugar entre o 11 de abril e o 11 de maio e cuxa programación será presentada oficialmente este martes.