O Trail de Allariz contará con “minicarreiras infantís” destinadas aos máis pequenos

A XXVI Andaina e IV Trail de Allariz, que se celebra este domingo 8 de xuño de 2025, contará con minicarreiras gratuítas pensadas para os máis pequenos da vila, que terán lugar arredor das 13:00 horas no Campo de Vilanova. Esta iniciativa, impulsada pola organización para achegar o evento ás familias, súmase á xa consolidada programación de andainas e trails para adultos e mocidade.
As persoas interesadas en participar nas carreiras infantís poderán inscribirse de forma totalmente gratuíta na Piscina Municipal de Allariz ou ata unha hora antes do inicio das probas.
A xornada comezará ás 9:00 horas co Trail longo (35 km) e a Andaina longa (24 km), pensadas para participantes experimentados e amantes dos retos máis intensos. Ás 10:30 será a quenda das modalidades curtas: Trail de 17 km e Andaina de 14 km, ideais para quen busca unha experiencia deportiva completa pero máis accesible.
Pola súa banda, ás 12:00 horas celebrarase o MiniTrail e a MiniAndaina (8 km), pensados para persoas novas ou familias que desexen compartir a experiencia. E, finalmente, ás 13:00 horas chegará o momento máis esperado polos cativos coa celebración do Trailciño, que busca promover a actividade física dende a infancia nun entorno natural privilexiado.
Todas as probas discorrerán por espazos de gran valor paisaxístico e ecolóxico, como os montes de Allariz, as ribeiras do Arnoia e a Reserva da Biosfera. A organización mantén o seu compromiso coa sustentabilidade, recomendando ás participantes traer os seus propios recipientes de auga para reducir o uso de plástico.
O día pecharase cunha festa de convivencia no Complexo Deportivo de Vilanova, con entrega de trofeos e sorteo de agasallos entre todas as persoas participantes.