O Trail Ribeira Sacra prepara unha edición de récord tras esgotar as inscricións 7 meses antes da proba

A organización do Trail Ribeira Sacra anunciou o pasado martes o peche das inscricións tras alcanzar as 500 prazas dispoñibles, superando todas as expectativas previstas. A carreira, que se celebrará o 11 de outubro de 2026, invita aos participantes a desafiar os canóns, os viñedos e cada metro de desnivel da Ribeira Sacra.
“Sentir o voso apoio motívanos a deixarnos a pel en cada detalle da organización. Agora tócanos a nós estar á vosa altura para que vivades unha experiencia inesquecible”, sinalaban desde a organización tras coñecer este logro.
Para quen se quedase sen praza, a organización habilitou unha lista de espera. A próxima parada para os inscritos será a liña de saída, onde dará inicio unha edición que promete ser histórica pola elevada demanda e pola calidade do percorrido.