O tren das termas deixará de dar servizo e pasará a converterse nun tren puramente turístico

O Concello de Ourense redefinirá o servizo coñecido até o de agora como Tren Termal (tren chu-chu), que se converterá a partir deste sábado 24 de xaneiro nun tren turístico en sentido pleno, cun novo enfoque, horarios adaptados e un percorrido redeseñado para mostrar algúns dos enclaves máis representativos da cidade e a súa contorna natural.
O novo itinerario partirá da praza Maior, chegará até a Ponte Vella e continuará pola beira do río como até o de agora até a zona do Tinteiro para ofrecer unha visión completa da contorna e regresar posteriormente ao punto de orixe.
Así, a cidade di adeus ao tren das termas, que mesturaba o transporte cara ás termas cun percorrido de carácter turístico. Segundo o Concello de Ourense “unha gran parte das persoas usuarias, moitas delas turistas, non utilizaban o tren para acceder aos baños termais senón para unicamente realizar o traxecto” o que, din, “xeraba unha percepción de percorrido excesivamente longo e pouco comprensible para quen non tiña como destino final as termas”.
A partir de agora, o acceso ás termas realizarase de forma específica mediante o bus urbano número 5 que conecta co aparcadoiro de Reza, punto final de acceso ás instalacións termais a través da pasarela peonil.
Con este cambio, segundo o Concello, o tren deixará de realizar tramos que non achegaban valor turístico e que estaban pensados unicamente como acceso ás termas, reforzando así a súa función como produto turístico de calidade.