O Tribunal Administrativo de Contratación Pública advirte de varios erros na licitación do servizo de transporte municipal de Ourense

OurenseXa
O Concello explica que corrixira os erros e non recorrerá a decisión “para non demorar máis a adxudicación do novo contrato
Autobuses-urbanos-ourense
1 Dec 2024

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia vén de esixir ao Concello de Ourense que modifique varios puntos da licitación do servizo de transporte municipal.

En dúas resolucións, 178 e 179/2024, do 29 de novembro de 2024, en resposta a outros tantos recursos presentados por empresas interesadas, require o Concello modificar tres cuestión concretas relativas aos pregos de contratación.

O Concello de Ourense non recorrerá as resolucións para non demorar a licitación do contrato, segundo avanzou o goberno municipal, que advirte de que as correcións que se deberán realizar son “sinxelas”, e que “se volverá abrir prazo de presentación de ofertas a próxima semana, incluíndo xa correccións requiridas polo Tribunal”.

As resolucións do tribunal afectan, por un lado, a un erro de redacción en canto á localización da nave cocheira, ao prever que, ademais de en Ourense, poida establecerse en "municipios limítrofes". En consecuencia, deberá corrixirse o prego para incluír "municipios próximos", mantendo o criterio do prego de que a nave estea a unha distancia máxima de 10 km por estrada do límite do termo municipal.

Advirte tamén un segundo erro ao non incluír no orzamento de gastos de persoal o incremento de custo de Seguridade Social derivado do mecanismo de equidade interxeracional.

Por último, aprecia un erro na redacción da fórmula de valoración da oferta económica. Segundo o Tribunal, non deixaba claro se se puntuarían as diferenzas entre ofertas que se expresen en números decimais e non enteiros. Porén, cómpre destacar que o Tribunal non fai ningún reproche á fórmula de valoración, só pide que a redacción sexa máis clara.

Aínda que estas dúas resolucións poderían interpretarse como algo negativo, conteñen tamén dúas boas noticias, segundo manifesta o goberno municipal.

Por unha banda, explica que “os 2 recursos presentados cuestionaban 15 aspectos diferentes relativos aos pregos. O Tribunal rexéitaas todas, dándolle a razón ao Concello, excepto nesas 3 cuestións que se indicaron. En particular, os motivos máis graves - que dabamos un trato de favor á actual empresa prestadora do servizo ou que o orzamento era irreal - foron rotundamente rexeitados polo Tribunal, o que avala, no esencial, a corrección dos pregos (salvo eses pequenos erros)”.

A isto engade o goberno local que “a corrección dos erros indicados é sinxela, e realizarase polo Concello o máis axiña posible, abrindo un novo prazo de presentación de ofertas, se é posible xa a próxima semana. Deste xeito, a licitación - aínda que cun atraso que pode estimarse nun mes e pico - continuará adiante”, aseguran.

Por estes motivos, conclúe o goberno municipal que “aínda que o Concello tería a posibilidade de recorrer a decisión do Tribunal, que nos parece excesivamente rigorosa (xa que os erros indicados son discutibles e poderían salvarse por vía interpretativa) non o imos a facer, para non demorar máis a adxudicación do novo contrato, que esperamos permita continuar mellorando este servizo esencial para os cidadáns."

0.16676187515259