O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeita permitir a navegación sen motor e o baño en Cachamuíña

A sección segunda da Sala de lo Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou, tal e como solicitaba o Concello de O Pereiro de Aguiar (Ourense), declarar a procedencia de modificar a clasificación do embalse de Cachamuíña para permitir a navegación sen motor (a vela ou a remo) para uso recreativo e o baño.
Desta maneira, desestimou o recurso interposto pola Administración municipal contra a resolución da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na que se denegaba a solicitude de modificación das condicións deste embalse.
Os maxistrados conclúen na sentenza que as razóns para impedir a navegación ou flotación "son xustificadas e resultan da ponderación do posible conflito con outros valores, singularmente a protección da saúde pública, de onde deriva a ausencia de arbitrariedade". Neste sentido, subliñan que é relevante que se tivera en conta o informe da Dirección de Saúde Pública, que pon de manifesto a existencia de riscos para a saúde derivados da presenza de cianobacterias, incluíndo a recomendación, en épocas de proliferación, de restrinxir os usos recreativos ou de navegación. Á que se engade, segundo consta na resolución, "a falta de previsibilidade sobre ditas proliferacións e a súa toxicidade".
A Sala tamén sinala que se trata dun embalse “de modestas dimensións que, en determinadas épocas, pode non ter auga suficiente para a navegación”. Ademais, incide en que o titular do seu aproveitamento - o Concello de Ourense-, “para un uso indubidamente prioritario ao recreativo, como é o abastecemento de auga á poboación”, non se amosa conforme co uso solicitado, así como na necesidade de ter en conta “a lóxica de que poida agravar a contaminación”.
O alto tribunal galego asegura que “a decisión non só non é desproporcionada, senón que resulta debidamente motivada, prevalecendo razóns de cautela ou precaución”. Ademais, rexeita que se vulnerase o principio de igualdade. Así, fai referencia aos informes sobre a situación de contaminación por cianobacterias e ás épocas e intensidade coas que se producen no embalse de Cachamuíña, non en outros, así como á “recomendación de restrinxir certas actividades nas inciertas épocas de afloramento” e ás características singulares do embalse, especialmente o seu uso (exclusivo de abastecemento) e superficie ou tamaño, ao que engade que non se debe esquecer “a oposición, lexítima, do seu concesionario”. O que non procede, advirte o TSXG, é “un análise de todas e cada unha das características do resto dos embalses”.
No fallo, os maxistrados tamén advirten que non é o mesmo “prohibir un uso que leva décadas permitíndose que autorizar un uso que leva décadas prohibido”. Nel, engaden que “non hai dúbida da necesaria protección do dominio público hidráulico, que xustifica a decisión e a xustificación, pois abastece de auga potable á capital da provincia, con arredor de 100.000 habitantes”. Neste sentido, recorda que a subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia declarou que o embalse “dista tan só 3 quilómetros do de Castadón, onde se atopa a toma de auga utilizada polo concesionario do dominio público hidráulico, constituíndo unha unidade material a efectos da facilidade da transmisión das bacterias e toxinas entre un e outro”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.