O Tribunal Supremo ratifica a condena contra o Concello de Ourense por acoso laboral á xefa da Policía Local

OurenseXa
Trátase do segundo revés xudicial para a administración de Goberno de Pérez Jácome en pleno Entroido, logo de que o propio rexedor tivera que declarar este venres nos xulgados por presunta apropiación indebida
Concello-Ourense-recurso
14 Feb 2026

Novo revés xudicial para o Concello de Ourense tras coñecerse a sentenza do Tribunal Supremo que ratifica a sentenza condenatoria contra o exconcelleiro Telmo Ucha e a Administración Local por acoso á xefa da Policía Local, María Barrera. A sentenza é firme e anula o recurso interposto polo Concello, que terá que pagar 30.000 euros á funcionaria, poñendo fin ao conflito.

Trátase do segundo revés xudicial para o Goberno de Pérez Jácome en pleno Entroido, que onte declaraba nos xulgados en calidade de investigado por un presunto delito de apropiación indebida. Unha causa que, precisamente, parte dunha querela presentada polo propio Telmo Ucha, relacionada coa compatibilidade entre o salario público do alcalde de Ourense e os ingresos derivados das súas actividades privadas, entre elas AuriaTV.

As reaccións na oposición tras coñecerse a sentenza do Supremo non se fixeron agardar. Para o portavoz nacionalista, Luis Seara, a decisión do alto Tribunal non deixa lugar a dúbidas: “Jácome non só ignorou os procedementos e protocolos ante a denuncia por acoso interposta pola Intendente-xefa da Policía Local, senón que contribuíu ao acoso contra a mesma”.

E é que o que di o Supremo coincide co relato da denunciante e confirma a “inacción” da Administración Local ante o acoso exercido por parte do exconcelleiro de DO contra a xefa da Policía Local. Unha situación que, afirma Seara, deixa claro que desde o Goberno municipal “non só mirou para outro lado sen activar os protocolos necesarios, senón que contribuíu ao acoso contra a funcionaria”.

“Estamos diante dunha sentenza contundente que revela, ao igual que fixeron as anteriores, cal é o proceder e o comportamento de quen exerce a máxima autoridade do Concello”, continúa Seara, quen afirma que “Jácome aprovéitase da súa posición de poder á fronte do Concello para menoscabar, insultar e acosar ás e aos traballadores municipais que non se pregan aos seus intereses”.

Os nacionalistas lembran que esta non é a primeira sentenza por acoso á que ten que facer fronte o Concello de Ourense, pois “xa temos enriba da mesa outras que están pendentes de firmeza, sentenzas que, ao igual que esta, levan aparelladas cuantiosas cantidades económicas en concepto de indemnización e que imos ter que pagar entre todas e todos”.

⚙ Configurar cookies
0.090439081192017