O TSXG avala a supresión dos premios de xubilación ao persoal do Concello de Ourense

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de dar a razón ao goberno municipal de Ourense na súa decisión de eliminar os premios de xubilación que percibía o persoal do Concello. A resolución xudicial rexeita a reclamación presentada por un ex traballador municipal que solicitaba o cobro desta gratificación.
O executivo local informou deste fallo na Xunta de Goberno celebrada este mércores, subliñando que a sentenza respalda a decisión adoptada hai xa un par de anos de deixar de abonar este tipo de incentivos económicos.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valorou de maneira moi positiva o contido da resolución. “A sentenza di que os premios de xubilación son ilegais e, por tanto, dan a razón ao Concello, que hai un par de anos cambiou a tendencia e decidiu non pagar premios de xubilación, que eran unha gratificación de 1.100 euros a quen se xubilaba”.
Neste sentido, o rexedor destacou que a medida adoptada polo goberno local contou co aval dos servizos xurídicos municipais: “Tiñamos razón o Concello, o grupo de goberno e os xurídicos que nolo recomendaron porque entendían que non se podía pagar ese premio”, concluíu Pérez Jácome.