O Xeodestino Terras de Celanova-Serra do Xurés promóvese con forza en Fitur

OurenseXa
Conformado por un total de 15 concellos, preséntase como un destino de referencia para os amantes do sendeirismo, dos deportes de montaña, da historia e da natureza
xeodestino-celanova-fitur
22 Jan 2026

O Xeodestino Terras de Celanova-Serra do Xurés, conformado por un total de 15 concellos, foi presentado este mércores pola tarde en Fitur 2026 a través dun monográfico da publicación especializada de ámbito estatal Turismo Rural, cabeceira de referencia para este segmento.

Trátase dunha edición especial que ofrece unha completa guía de recursos, propostas e información útil para mergullarse neste destino fronteirizo, que comeza a tan só quince minutos da capital ourensá, e que foi presentada pola Deputación a través do Inorde. O seu presidente, Rosendo Fernández, destacou durante a súa intervención que “trátase de poñer en valor este territorio, terra de arraianos, de marcada personalidade, chea de recunchos por descubrir, patrimonio natural e histórico que hai que gozar con todos os sentidos”.

A publicación recolle desde os recursos imprescindibles de cada concello ata os segredos mellor gardados de Barbadás, Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Celanova, A Bola, Padrenda, Quintela de Leirado, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Muíños e Lobios, cun bo número de propostas adaptadas para todos os públicos: desde percorrer bosques máxicos e gozar de paisaxes de montaña ata visitar xacementos arqueolóxicos, mergullarnos en augas termais ou desfrutar dunha rica e variada gastronomía.

O Xeodestino Terras de Celanova-Serra do Xurés, conformado pola Reserva da Biosfera Xurés-Gêres e o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, constitúe un territorio máxico, de bosques, montañas, auga e natureza, que o converten nun referente para os amantes do sendeirismo, dos deportes de montaña e do contacto coa natureza.

Ademais, grazas ás súas igrexas, capelas, petos de ánimas e cruceiros, aos seus castros ou ás súas grandes construcións, como o Mosteiro de Celanova ou a Canle do Ruca, unha das maiores obras de enxeñaría hidráulica de Galicia, preséntase como un destino para descubrir a pegada do ser humano ao longo do tempo.

⚙ Configurar cookies
0.089505910873413