O xeodestino Terras Terras de Celanova–Serra do Xurés suma nove novos distintivos de calidade turística

O xeodestino alcanza xa 21 servizos certificados polo SICTED e reforza a súa aposta por un turismo sostible e de calidade no rural ourensán
sicted-celanova
16 Dec 2025

O xeodestino Terras de Celanova–Serra do Xurés vén de sumar nove novos distintivos ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED), reforzando así a súa aposta por unha oferta turística sostible e de calidade. A entrega dos diplomas tivo lugar este luns no Museo da Emigración de Quintela de Leirado, nun acto no que participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

Durante o encontro, Fernández salientou o papel do turismo como “ferramenta clave” para facer fronte ao reto demográfico e impulsar novas oportunidades no rural, subliñando a importancia de apostar por modelos que combinen calidade, sustentabilidade e respecto pola identidade do territorio. No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez Cortés, o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices, e a xerente do Inorde, Emma González.

O presidente do Inorde agradeceu o “gran traballo e esforzo” das entidades públicas e privadas que completaron o proceso formativo necesario para acadar este distintivo, que, segundo indicou, dá “boa conta” da calidade da oferta turística existente tanto na provincia como neste xeodestino en particular. Fernández destacou ademais a crecente implicación dos servizos turísticos ourensáns, que responden ás novas demandas dos viaxeiros apostando por acreditacións como o SICTED.

Os novos servizos distinguidos corresponden a diferentes ámbitos da actividade turística, desde guías e experiencias de turismo activo ata aloxamentos, museos, oficinas de información turística e establecementos hostaleiros. Con estas incorporacións, o xeodestino Terras de Celanova–Serra do Xurés alcanza xa os 21 servizos certificados, converténdose nun exemplo de coordinación e mellora continua no sector turístico da provincia.

Esta iniciativa forma parte dun proxecto de colaboración entre o Inorde, a Axencia de Turismo de Galicia e os quince concellos que integran o xeodestino. Neste contexto, Rosendo Fernández lembrou outras accións desenvolvidas ao longo do ano, como a posta en marcha de novas ferramentas dixitais, a publicación dun monográfico da Revista Turismo Rural de difusión estatal ou a elaboración dun novo vídeo de turismo familiar que se presentará en Fitur, dando continuidade ás iniciativas centradas nas ecoexperiencias.

⚙ Configurar cookies
0.087193012237549