O Ximnasia Burgas logra un podio completo na Copa Galicia 2026

O club ourensán Ximnasia Burgas conseguiu este domingo un resultado destacado na Copa Galicia Base 2026, celebrada en Gondomar, acadando un podio completo na categoría Alevín Base por parellas. Moraima Nóvoa e Erea Diz proclamáronse campioas, mentres que Lola Ferrer e Celtia Rodríguez conseguiron o subcampionato, e Carla Varela xunto a Lía Iglesias ocuparon a terceira posición.
Estas mozas ximnastas destacaron entre as oito parellas participantes, superando a equipos de clubs recoñecidos de Galicia como Flic-Flac de Vigo, Treboada de Pontevedra, Acro Club Nigrán, Acro Club Gondomar e Ximnasia Compostela.
Na categoría Cadete, a participación do Ximnasia Burgas tamén foi notable. Sofía Rodríguez e Ivana Siota acadaron un meritorio cuarto posto, mentres que Valentina Fernández, Sara Araújo e Naia Ramos finalizaron quintas e Verónica Cid, Andrea Balboa e Alba Fernández clasificáronse na novena posición.
Estes resultados, sinalan desde o club, reflicten o bo traballo na formación das súas ximnastas máis novas e consolidan a súa presenza na ximnasia base galega, destacando tanto nas categorías máis temprás como nas de maior nivel.