O xulgado rexeita suspender o traslado dos comerciantes da Praza de Abastos ao novo edificio

OurenseXa
O Xulgado denega as medidas cautelares solicitadas pola asociación de comerciantes da Praza de Abastos e falla a favor do Concello
praza-de-abastos-ourense
25 Sep 2025

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense ditou un auto favorable ao Concello no que denega as medidas cautelares solicitadas pola asociación de comerciantes da Praza de Abastos número 1. A entidade pedira suspender o acordo municipal que lles obriga a iniciar o proceso de traslado dos seus postos desde a Alameda ao edificio recentemente rehabilitado.

O acordo, aprobado pola Xunta de Goberno Local o pasado 10 de abril, establecía un prazo de tres meses para que os comerciantes presentasen un proxecto de adaptación do espazo interior, que debía ser validado polo Concello. No caso de detectarse deficiencias, estas deberían corrixirse nun máximo de dous meses, e unha vez aprobado o proxecto, a súa execución tería que realizarse nun prazo de seis meses.

A asociación recorreu este acordo e solicitou a súa suspensión cautelar, unha petición que o xulgado rexeitou ao considerar que “procede a desestimación da medida cautelar ao non apreciarse neste momento a existencia dun prexuízo irreparable ou de moi difícil reparación no caso de execución do acto administrativo”.

No auto insístese ademais en que a asociación “non está recorrendo un desaloxo nin tan sequera unha orde de traslado inmediata. O único que se interesa pola Administración é a elaboración do plan de distribución” e engade que “calquera outra cuestión relativa a quen deba custear as obras ou a imposibilidade de executalas nun prazo de 6 meses, deberán ser examinadas unha vez que se presente e aprobe o citado proxecto, non agora”.

O xulgado sinala tamén que “non pode obviarse que, por outra parte, hai un interese público evidente que choca co dos actores dado que na actualidade está a ocuparse un parque público, polo que non parece ilóxico que se vaian dando pasos destinados a que os comerciantes regresen ao lugar no que habitualmente desempeñaban a súa actividade e para o que se reformou, deixando libre aquel. Ademais, mentres o edificio permanece baleiro segue correndo o prazo de garantía, o cal redunda en prexuízo de todas as partes”.

Tras recibir a resolución, o goberno municipal anunciou que “o Concello continuará desenvolvendo o proceso administrativo para que se cumpra o convenio asinado no seu día” e emprazou aos comerciantes “a que dean os pasos necesarios para trasladarse da Alameda ao novo edificio rehabilitado”.

⚙ Configurar cookies
0.094204902648926