O XXVI Rally de Reis 2026 pasará o 25 de xaneiro por Allariz, Xunqueira de Espadañedo e Vilar de Barrio

A Escudería Clásicos Ourense celebrará o 25 de xaneiro o XXVI Rally de Reis 2026, unha proba de regularidade tipo “Mini-Montecarlo” que pasará polos concellos de Allariz, Xunqueira de Espadañedo e Vilar de Barrio.
O rally constará dun total de 11 tramos e dun percorrido global de 120,52 quilómetros. A saída e as verificacións terán lugar na rúa Portovello número 1 de Allariz, onde as persoas participantes serán recibidas con café e bica. O itinerario inclúe un primeiro reagrupamento en Vilar de Barrio, con café ou refresco, e un segundo en Xunqueira de Espadañedo, cunha parada de 35 minutos acompañada de café, refresco e pincho.
A xornada finalizará con comida e aperitivo no restaurante Cabú, onde, como é habitual, se degustará o tradicional cocido galego.
A proba permite a participación tanto na modalidade de regularidade como na de ruta. No caso da regularidade, a organización entregará recordos especiais en distintas categorías (E, F e G), ao mellor equipo feminino —cun mínimo de tres equipos inscritos—, aos tres vehículos máis antigos, ao vehículo máis elegante do evento, ao mellor participante sen medidor adicional —cun mínimo de tres participantes—, ao mellor navegante menor de idade, á escudería con maior participación e ao mellor equipo novel, ademais dun premio ao mellor tempo no tramo scratch da Escudería Clásicos Ourense. Todos os vehículos recibirán un recordo de participación, con obsequio de Patatas Paz S.L.
As persoas participantes na modalidade de ruta gozarán da saída e das verificacións en Allariz, dunha visita ao Museo do Coiro de Allariz, do reagrupamento en Xunqueira de Espadañedo, dunha visita ao mosteiro cisterciense de Santa María de Xunqueira de Espadañedo, do século XII, e da comida final no restaurante Cabú.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo domingo 19 de xaneiro ou ata completar o aforo máximo de participantes.