Olegario Vázquez-Raña Recibiu no Teatro Principal o premio ‘Ourensanía 2024’
O Teatro Principal acolleu este sábado o acto solemne de entrega do Premio Ourensanía 2024 a Olegario Vázquez-Raña, empresario afincado en México que nunca esqueceu as súas raíces na provincia e que acode varias veces ao ano ao municipio de orixe da súa familia, Avión. A cerimonia, conducida pola xornalista Sonia Torre, contou coas actuacións da Real Banda de Gaitas e da Orquesta Sinfónica “Ourensanía”, así como coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; do presidente da Deputación, Luis Menor; e do galardoado, Olegario Vázquez-Raña, quen se mostrou emocionado pola distinción recibida.
Luis Menor enxalzou a “conexión emocional” que supuxo a concesión deste galardón, nomeadamente a conexión que vincula á provincia coa emigración: “Ourense é unha provincia emigrante e Olegario Vázquez Raña exemplifica a audacia, o esforzo, o sacrificio e o traballo daqueles que se viron obrigados a deixar a súa terra para buscar un porvir; e aínda atopándoo, nunca esqueceron as súas raíces”.
Por iso, e porque é difícil atopar a unha persoa en Ourense que non teña vínculos coa emigración, “é polo que o Premio Ourensanía deste ano conecta co máis profundo da idiosincrasia ourensá”, expresou o presidente provincial, quen abundou en que a través de Olegario Vázquez Raña, “facemos partícipes deste premio aos milleiros de galegos na diáspora e que desde outros lares contribuíron a manter viva a nosa terra nos momentos máis complicados”.
Menor tamén fixo un repaso á traxectoria vital, empresarial e deportiva do Premio Ourensanía 2024, co tiro olímpico como unha das súas grandes paixóns, xunto á súa familia, o piar fundamental da familia Vázquez Raña. Precisamente, o presidente provincial fixo súas unhas palabras da dona do premiado, María de los Ángeles Aldir: “Para el non existía o cansanzo nen o tropezo, sempre se levantaba co firme propósito de ser mellor cada día”, manifestando así o inspirador modo de vida dunha persoa que é “todo un orgullo para esta provincia e para esta Deputación”, concluíu o presidente provincial.
Galicia, territorio fértil para emprender
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo destacar a contribución de toda a emigración, e nomeadamente de empresarios como Olegario Vázquez Raña, “á hora de transformar a Galicia nunha terra moderna e con oportunidades para emprender e traballar”.
“A nova Galicia é un territorio fértil para emprender, traballar e triunfar grazas a esa xente que saíu cando todo estaba máis difícil”, apuntou. “Olegario é un home de mundo que nunca esqueceu as súas raíces; un home incansable, valente, con valores familiares e gran deportista”, afirmou Rueda, en referencia isto último aos “enormes éxitos” que colleitou na disciplina de tiro olímpico.
O titular do Executivo galego valorou como a emigración galega axudou a construír Galicia desde o exterior, ao tempo que tamén se integraban nas súas sociedades de acollida. Neste sentido, puxo en valor o “carácter aberto” da galeguidade que axudou a establecer comunidades fortes e que “busca por enriba de todo a unión”.
“Afortunado de vivir entre dúas terras”
O Premio Ourensanía 2024, Olegario Vázquez Raña, confesou que recibir o Premio Ourensanía “é profundamente emotivo, non só como empresario e deportista, senón como esposo, pai e amigo”. Durante o seu discurso, o homenaxeado subliñou o “traballo constante” como o “verdadeiro valor da vida”. “A disciplina constitúe soños”, sinalou.
Olegario Vázquez Raña agradeceu tamén a familia, equipo e amigos a súa compañía en cada logro e desafío. “A miña vida foi un reflexo de amor e comprensión e son afortunado de vivir entre dúas terras que amo profundamente, España e México”.
O premiado fixo un repaso pola súa vida, contando anécdotas como o desexo da súa muller de celebrar a lúa de mel só se ían a Galicia, historia que arrincou sorrisos entre o público. “Este recoñecemento é moi importante para toda a miña familia”, subliñou o premiado, emocionado por recibir “a corazón aberto porque está é a terra dos meus papás e a miña propia terra. Eu debo a esta terra moitas cousas”.
Un premio con traxectoria desde 2012
O Premio Ourensanía instaurouse na Deputación para enxalzar a persoeiros vinculados coa provincia pola súa aportación á sociedade desde o seu ámbito profesional. O primeiro galardoado foi o xuiz José Antonio Vázquez Taín (2012), seguido polo arcebispo de Belcastro, monseñor Francisco José Rodríguez Carballo (2013); a xornalista Victoria Prego (2014); a presidenta da Fundación Barreiros, Mariluz Barreiros (2015); o cineasta José Sousa (2016); o lendario porteiro do Real Madrid, Miguel Ángel González (2017); en 2018 o Premio Ourensanía foi compartido para o Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires e o Centro Ourensán de Montevideo; o xornalista e escritor Alfonso Sobrado Palomares (2019); a directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), María Purificación Neira González (2020); o presidente do Comité Olímpico Español (COE) Alejandro Blanco (2021); o fotógrafo Manuel Outumuro (2022); e o deseñador e modisto Adolfo Domínguez (2023).