Os autobuses urbanos de Ourense cambian os seus horarios en Nadal e Aninovo

OurenseXa
Os días 24 e 31 de decembro os autobuses urbanos realizarán a súa última saída entre as 18.30 e as 19.45 horas, mentres que o 25 de decembro e o 1 de xaneiro a primeira saída do día terá lugar entre as 15.30 e as 16.30 horas
Autobuses-urbanos-ourense
23 Dec 2025

O Concello de Ourense anunciou modificacións nos horarios do transporte urbano con motivo das celebracións do Nadal e do Aninovo, así como a posta en marcha de servizos especiais para facilitar a mobilidade durante estas datas.

Os días 24 e 31 de decembro, coincidindo coa Noiteboa e coa Noitevella, os autobuses urbanos realizarán a súa última saída entre as 18.30 e as 19.45 horas, en función de cada liña. Nos festivos do 25 de decembro e do 1 de xaneiro, Nadal e Aninovo, a primeira saída da xornada terá lugar entre as 15.30 e as 16.30 horas.

O Concello lembra que os horarios detallados de cada percorrido poden consultarse na información habilitada ao efecto.

Para reforzar o transporte nocturno na Noiteboa e na Noitevella, activarase o servizo especial Moucho Bus con dúas rutas. A liña 14A conectará Valdorregueiro coa Universidade Laboral (A Cuña), con saídas cada hora durante a madrugada, mentres que a liña 14B unirá a antiga estación de autobuses co barrio de Berrocás, tamén con frecuencia horaria.

Por outra banda, o servizo do Tren Turístico quedará suspendido os días 27 e 28 de decembro e o 3 e 4 de xaneiro. No seu lugar, durante as festas funcionará o Tren Nadal Express, que circulará de xeito gratuíto entre as 17.00 e as 20.30 horas. O percorrido partirá da Praza Maior e discorrerá polo Paseo, o Parque de San Lázaro, Santo Domingo e a rúa da Paz, con regreso ao punto de inicio. Este servizo especial estará operativo de maneira ininterrompida ata o vindeiro 4 de xaneiro.

⚙ Configurar cookies
0.078269004821777