Os colexios Mestre Vide, Curros Enríquez e Manuel Sueiro celebraron o Día da Francofonía con obradoiros sobre cine

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense sumouse este venres á celebración do Día Internacional da Francofonía cunha serie de obradoiros destinados ao alumnado do primeiro ciclo de Educación Primaria dos CEIP Mestre Vide, Curros Enríquez e Manuel Sueiro. A actividade foi organizada polas profesoras Carla Míguez e Sara Vázquez, encargadas das materias de Francés nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria.
Durante a xornada, estudantes de segundo curso do Grao en Educación Infantil impartiron o obradoiro "A arte da mímica con Marcel Marceau", mentres que alumnado de terceiro e cuarto curso do Grao en Educación Primaria desenvolveu "O comezo do cine cos irmáns Lumière". En sesións de 30 minutos, os participantes exploraron a expresión corporal a través da mímica e experimentaron cos primeiros dispositivos de animación, como o zootropo e o traumatropo, representando os inicios do cine.
A iniciativa tivo como obxectivo introducir aos nenos e nenas na lingua e cultura francesas dun xeito lúdico e dinámico, empregando recursos audiovisuais e metodoloxías innovadoras. A experiencia permitiu ao alumnado achegarse á Francofonía dunha maneira creativa, favorecendo a súa inmersión lingüística e cultural a través do xogo e a experimentación.