Os delitos en Barbadás reducíronse nun 15% en 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación en materia de seguridade cidadá no municipio, os casos de violencia de xénero e o Plan Director.
En canto á seguridade cidadá, os datos achegados pola Garda Civil amosan cifras positivas, xa que tanto os delitos leves como os graves presentan unha diminución dun 15% no 2024 en relación ao ano anterior. O subdelegado amosouse optimista con esta situación, sinalando que “das 12 tipoloxías de delitos graves e menos graves en 8 reduciuse o número de feitos delituosos e aumentou o número de esclarecementos. Son datos que se traducen nunha maior seguridade para os veciños e veciñas de Barbadás”.
No que ten que ver co Plan Director, as charlas nos centros escolares do municipio por parte das forzas de seguridade para previr condutas delituosas mantéñense a bo ritmo e o alumnado está mostrando gran interese e participación.
Pola contra, en materia de violencia de xénero, dos 512 casos activos na provincia neste momento, 28 corresponden ao Concello de Barbadás. 26 deles contan con prohibición de aproximación e comunicación; un dos agresores porta dispositivo Cometa e cinco das vítimas teñen o servizo Atenpro.
Ademais do subdelegado e o alcalde, tamén estiveron presentes representantes da Xunta de Galicia, Garda Civil e Policía Local de Barbadás.