Os funcionarios do Concello de Ourense recuperan o teletraballo
O Grupo Municipal Popular pon de manifesto que o seu labor de oposición continúa dando os seus froitos en relación a cuestións técnicas que afectan ao funcionamento diario do Concello de Ourense. Así o asegura o concelleiro Miguel Ángel Michinel, logo de coñecer hoxe que “os funcionarios municipais recuperan o teletraballo grazas ao traballo serio e rigoroso do Partido Popular”.
Neste senso, o edil asegura que “logramos o levantamento da suspensión das autorizacións previas de teletraballo”, un aspecto que o Michinel define de “dubidosa legalidade”, e engade que “a presión exercida polo PP conseguiu tamén que o alcalde retire da súa proxectada modificación da ordenanza reguladora do teletraballo, unha disposición transitoria que era contraria aos dereitos dos empregados do Concello”.
“Agora, o ideal sería que o alcalde traballe e aprobe unha RPT que se adapte ás necesidades dos traballadores”, engade Miguel Ángel Michinel, concluíndo que “desde o Grupo Municipal Popular continuaremos coa nosa seria labor de oposición en beneficio de todos os cidadáns de Ourense”.