Os mellores pilotos de rally do panorama nacional reuníronse no Paco Paz na previa do Rally de Ourense

O Pazo dos Deportes Paco Paz albergou na tarde deste mércores unha unha charla coloquio cos pilotos e copilotos de rally máis relevantes do panorama nacional, como son Javier Pardo, Cohete Suárez, David de la Puente e Alberto Iglesias.
O acto, organizado pola Deputación, contou coa presenza do presidente provincial, Luis Menor, quen participou no coloquio que se desenvolveu cos afeccionados, e falou acerca dunha das estratexias de promoción da provincia que desenvolve a Deputación: o turismo deportivo. O presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga, foi o conductor do acto, no que tamén participaron Javier Arenas (xefe de Prensa e responsable de competición de Skoda); Chema Rodriguez (director xeral do Grupo Recalvi), e Eva André (xerente de Gadasa Ourense). Precisamente, Jano Fraga agradece ao titular da Deputación “o apoio indiscutible” da institución provincial ao Rally de Ourense e ao deporte en xeral.
Menor lembrou que desde a Deputación de Ourense existe unha clara aposta polo deporte, en especial ao deporte base “porque é esencial que a xente faga deporte e o disfrute”, así como polo turismo deportivo, con diversidade de oferta e organizando e apoiando eventos de calidade co que se consegue atraer a un perfil de turista que, ademais de disfrutar da práctica deportiva como afeccionado, realiza un gasto importante “e contribúe á desestacionalización e desenvolvemento económico local”. Do mesmo xeito, lembrou que o turismo deportivo” é algo polo que esta provincia debe apostar”.
Ademáis de valorar o enorme impacto económico que supón o Rally de Ourense para a provincia, cifrando o seu retorno en 2 euros “cada un dos euros que se invirten”, lembrou iniciativas da Deputación como a bolsa “Motor Futuro”, en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo, que ten como obxectivo promocionar a modalidade de rallys entre a mocidade no marco do Campionato Xunta de Galicia-Recalvi da tempada 2025. Unha forma de apoiar accións de fomento deportivo que garanten un acceso igualitario ao deporte, sinalou.
Lembrou Menor que o gañador desta bolsa foi o ourensán Rubén Castillo, de 21 anos, que competirá cun coche construído por Javier López, de Past Autos Racing, o primeiro en equipar combustible ecolóxico GLP, reducindo así o impacto ambiental deste deporte. “A nosa aposta é indiscutible”, recalcou Menor.
O piloto alaricano Javier Pardo apuntou que iniciativas como esta que levou a cabo a Deputación de Ourense “son unha boa forma de acercar aos afeccionados deste deporte e darlle visibilidade a quenes aínda non o coñecen”. O piloto alaricano explicou que lle gusta compartir tempo cos seguidores xa que durante as xornadas de rally afirmou que “é imposible atender a todos aqueles que nos brindan apoio, e desta maneira tratamos de devolverllo”. Explicou que “o apoio da Deputación de Ourense fainos sentir na casa, levar a nosa cidade no coche e poder amosar a riqueza de Ourense por toda España é algo que nos enorgullece”.
Por último agradeceu á Deputación de Ourense polo apoio e a loita para a creación dun evento desta índole, e sinalou que “esperamos seguir colaborando moitos anos mais”.
Un dos pilotos con maior sona do país é o asturiano Cohete Suárez, quen tamén tivo oportunidade de falar e compartir as súas reflexións. “Penso que é destacable que unha institución pública aposte por ese tipo de eventos, brindándolle a oportunidade a toda a poboación de acercarse un pouco mais ao noso deporte”, sinalou Cohete. O piloto asturiano apuntou que “eventos así motivan á xente mais nova a loitar e tentar chegar ate o mais alto deportivamente”.