Os nacionalistas piden unha nova localización para o Punto de Encontro Familiar de Ourense

OurenseXa
A deputada nacionalista, Noa Presas, denuncia que actualmente o Punto de Encontro comparte instalacións na Casa da Xuventude o que “resta privacidade e confidencialidade” para as usuarias
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense
Noa Presas
24 Feb 2025

Os Puntos de Encontro Familiar (PEF) son ferramentas impulsadas para dar cumprimento ao autogoberno en materia de política social e de protección das e dos menores de Galicia, cuxo principal obxectivo é, segundo explica a deputada nacionalista, Noa Presas, “garantir a existencia dun lugar adecuado que facilite a relación materno/paterno-filial, asegurando o benestar e a seguridade das e dos menores en familias en situacións de conflito. Este servizo converteuse nun recurso imprescindible para a nosa sociedade e vén incrementando a súa demanda de xeito exponencial”.

Neste sentido, a deputada que vén de denunciar que o PEF da cidade de Ourense “situado na rúa Celso Emilio Ferreiro, arrastra recorrentes queixas por distintas razóns. Por unha banda, pola acumulación de casos por ser até o momento a única referencia para esa parte do país, o que supón para moitas crianzas desprazamentos de horas para poder realizar as visitas e unha maior dificultade organizativa”.

“Por outra banda, polas propias condicións das súas instalacións, xa que no 2013 a Xunta de Galicia trasladou as súas instalacións á Casa da Xuventude. Esta situación, obviamente, implica enormes dificultades para garantir o dereito á privacidade, mais tamén para o desenvolvemento da actividade pola limitación do espazo”.

Presas sinala que a localización actual non cumpre co establecido na lexislación que lle é de aplicación xa que as actuais instalacións “non son adecuadas porque non garanten a privacidade e a seguridade de forma suficiente, tal e como xa ten demandado o feminismo ourensán en múltiples ocasións, como no ano 2019, en que a Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres recolleu sinaturas ante unha serie de situacións de violencia institucional e de revitimización que dirixiu á entón Consellaría de Política Social”.

Desde a formación nacionalista tamén lembran que recentemente, a Valedora do Pobo remitía ao Parlamento Galego o Informe Anual respecto do ano 2023. Nese informe, ademais de reiterárense as queixas e a conflitividade recorrente dos Puntos de Encontro familiar, recollíase unha queixa específica respecto do Punto de Encontro Familiar de Ourense, indicándose que “da exposición dos feitos obsérvase [...] que o PEF soamente pode facilitar unha hora por semana para poder exercitar tal dereito” e recomenda “poñer a disposición dos proxenitores infraestruturas suficientes para o correcto exercicio deste dereito”.

Diante desta situación, Noa Presas afirma que desde o BNG “instaremos vía parlamentar á Xunta de Galicia para que impulse o traslado do Punto de Encontro Familiar a un novo emprazamento, de modo que permita cumprir adecuadamente as súas funcións, garantindo que non hai demoras no exercicio dos dereitos das persoas usuarias e que se dan as condicións necesarias para garantir a confidencialidade e, moi especialmente, para prever e atender calquera caso no que poida concorrer a existencia de violencia machista”.

⚙ Configurar cookies
0.1542809009552