Os ourensáns Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez, bicampións do mundo de Jiu-Jitsu

OurenseXa
Os integrantes do Club Marbel proclamáronse campións do mundo en Dúo Kata e Dúo Show durante o Mundial Máster de Jiu Jitsu celebrado en Tailandia
Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez Serafín
4 Nov 2025

Os ourensáns Felipe Iglesias e Xermán Rodríguez, membros do Jiu Jitsu Club Marbel, proclamáronse campións do mundo nas modalidades de Dúo Kata e Dúo Show no Mundial Máster de Jiu Jitsu que se celebra en Bangkok (Tailandia) entre o 1 e o 7 de novembro.

Iglesias, que regresou á competición internacional tras varios anos de ausencia, formou parella con Rodríguez Serafín, quen viviu a súa primeira experiencia nun torneo deste nivel. Ambos lograron subir ao máis alto do podio, conseguindo dous ouros que consolidan ao club ourensán como unha referencia do jiu-jitsu a nivel nacional.

Aos 49 anos, Felipe Iglesias volveu escoitar o himno desde o máis alto, sumando novos títulos a unha traxectoria na que xa figura un subcampionato mundial e europeo, ademais do liderado no ránking internacional de 2016.

En ambas modalidades, os españois Fran Pozo e Pedro Alonso obtiveron a medalla de prata, completando un excelente resultado para a delegación española, que tamén sumou outras preseas nas categorías de Loita Máster.

O campionato desenvólvese no Hua Mark Indoor Stadium, un recinto histórico de Bangkok con capacidade para 6.000 espectadores, onde se deron cita os mellores jiujitsukas do mundo.

O jiu-jitsu, arte marcial da que derivan disciplinas olímpicas como o judo, divídese en tres modalidades: Loita, Ne Waza (combate en chan) e Dúo, esta última baseada na execución técnica por parellas, que combina precisión, coordinación e, na categoría Show, un compoñente creativo que tamén é valorado polos xuíces.

⚙ Configurar cookies
0.07595682144165