Os parques e paseos de Ourense permanecerán pechados polo menos ata este xoves
O Concello de Ourense pechou esta mañá o acceso aos parques da cidade e aos paseos fluviais por motivos de seguridade, como consecuencia do temporal. Esta medida manterase como mínimo até mañá, xoves, día 10 de outubro, cando se avaliará a evolución da climatoloxía e a situación destes espazos de lecer, coa finalidade de ir abrindo aquelas zonas que, logo das inspeccións dos técnicos de Medio Ambiente do Concello, así se considere.
Tras o paso o paso de restos do furacán Kirk, o arborado urbano de parques e xardíns sufriu episodios puntuais de colapso pero tamén de danos parciais e desprendemento de ramas.
Cando estas circunstancias climáticas se producen nun tempo pequeno, as masas arbóreas continúan dinamicamente afectadas, polo que é posible contemplar novas roturas e colapsos nas horas inmediatamente posteriores. Por estes motivos, o Concello pechou o acceso aos parques da cidade e zonas de paseos fluviais, unha medida que se prolongará cando menos ata as 9.00 horas de mañá, xoves, día 10 de outubro para abrir algunhas das zonas arboradas da cidade.