Os populares acusan a Jácome de sacar rédito da aprobación do proxecto da nova sede da Oficina de Rehabilitación
Ante o anuncio desta mañá da aprobación do proxecto de reforma dun edificio na Praza da Trinidade, que será sede da Oficina de Rehabilitación, o Grupo Municipal Popular quere por de manifesto “o importante labor que levaron a cabo os funcionarios do PERI, que elaboraron este proxecto, co que se acadou a subvención para dita reforma”, tal e como asegura a portavoz dos populares, Sonia Ogando.
Nesta liña, a edil destaca que “con este anuncio, se mostra a profesionalidade dos traballadores municipais, a pesar de que día tras día, con este grupo de goberno, están a sufrir o “caos” nos seus postos de traballo e faltas de respecto”. Un bo facer que, como lembra a concelleira “dende o PP sempre defendimos en contra do criterio do alcalde”. “Do mesmo alcalde que desbaraxusta a oficina do PERI e que infravalora constantemente aos propios funcionarios facendo que non podan prestar un bo servizo aos cidadáns de Ourense”, engade.
Por último a popular, lembrar tamén que, “aínda que o alcalde sacase rédito propio esta mañá deste anuncio, a subvención para rehabilitar o edificio gañouse cando o Partido Popular estaba ao fronte da concellería de Urbanismo, da que depende a oficina do PERI, con medios propios e sen gastos adicionais para os cidadáns”. “Sen embargo, a subvención da cárcere vella e a reforma da casa consistorial, que levaba o propio alcalde, perdéronse”, conclúe a portavoz.