Os populares denuncian a falta de sensibilidade do alcalde de Ourense coas usuarias do CIMM
O Grupo Municipal do Partido Popular comprobou nas reunións de xunta de área que se desenvolveron este martes que “ao alcalde non lle importan as mulleres”, así o asegura a concelleira Noelia Pérez, tras coñecer que o goberno municipal cerrará o edificio do Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) e trasladará ás súas traballadoras á Praza de San Martiño.
O Partido Popular considera un novo erro do goberno local este traslado por dúas razóns obvias. Por unha banda, a edil explica que “a atención que precisan estas mulleres non se pode tratar como se foran outros servizos administrativos (recadación, rexistro, medio ambiente…) nin compartir cos servizos sociais porque a problemática pode estar relacionada”.
Por outra banda, Noelia Pérez destaca que “as novas instalacións non son as idóneas para un servizo tan específico porque as mulleres que acoden ao CIMM precisan dun espazo para os seus fillos, mentres elas son atendidas, e tamén dun lugar concreto para facer talleres ou formación”. Neste senso, pregúntase “que opinan as profesionais que prestan atención neste servizo, pero, sobre todo, que opinan as usuarias”.
Os populares aseguran ademais que este cambio é un paso máis no desmantelamento dos servizos sociais e na atención ás persoas que están levando adiante o alcalde e o seu grupo de goberno, e que supón un retroceso nos dereitos das mulleres ourensanas. “As mulleres, e máis as que acoden ao CIMM, non merecen este desprezo nin este ataque aos seus dereitos. O alcalde ten cartos para todo, pero non para mellorar un servizo tan indispensable como é o centro de información ás mulleres que en boa parte estalle subvencionando o goberno da Xunta de Galicia”, lamenta a popular.
“Se o alcalde non é capaz, que pregunte, desde o Partido Popular non temos ningún inconveniente en explicarlle cal é o noso modelo de cidade para Ourense. Un modelo de cidade, por suposto, no que o principal é atender as necesidades das persoas”, destaca a edil.
Por último, e seguindo na liña dos servizos sociais, o Grupo Municipal Popular comprobou tamén esta mañá que “ao alcalde seguen sen importarlle as persoas maiores e cunha situación de emerxencia”. De feito, o grupo de goberno puxo de manifesto que seguen sen axilizar unha solución urxente para que os usuarios do Comedor sobre Rodas conten de novo con comida nos seus fogares.
“O alcalde ten gardado nun caixón o convenio que lle deu a Xunta de Galicia en xaneiro para que a administración autonómica preste en Ourense o servizo Xantar na Casa, e non é capaz de levalo a xunta de goberno”, conclúe a concelleira.