Os populares denuncian "o pasotismo do alcalde" ante os problemas dos cidadáns de Ourense

OurenseXa
O Grupo Municipal Popular remarca como exemplos a inseguridade nos barrios ou o desmantelamento do servizo do comedor sobre rodas
Concello_Ourense_recurso
Praza Maior, Concello de Ourense
17 Apr 2024

Despois das reunións de xunta de área que se desenvolveron esta mañá no Concello de Ourense, o Grupo Municipal Popular denuncia a parálise e a falta de xestión polo pasotismo do alcalde ante os problemas dos cidadáns de Ourense. Nin pediron ao goberno central que actúe nas naves de Adif ocupadas de na rúa Rio Arnoia, nin se adoptaron medidas na contorna da Estación Intermodal, nin hai un plan para actuar ante as continuas liortas que se producen, sobre todo no casco histórico, aseguran os populares.

En relación á renovación do alumeado público de toda a cidade, o PP pediu acceso ao prego para a licitación e puxo de manifesto que van esixir que se introduzan, dentro da legalidade, o acceso ao contrato ás empresas locais e a división por bloques.

Por outra banda, os populares poñen tamén como exemplo o servizo do Comedor sobre Rodas, pois os usuarios seguen sen esta prestación ante a incapacidade do alcalde de buscar unha solución urxente, unha petición que o PP fixo no último pleno. Neste senso, alertan tamén que o máis probable é que suceda o mesmo co servizo de Axuda no Fogar, pois remata o contrato no mes de novembro e nas reunións desta mañá “non foron quen de dicir que vai pasar con el”.

Por último, os populares lembran que seguen sen saber se o concello se puxo en contacto co Ministerio de Transportes e Mobilidade para solicitar a declaración de treito urbano en Untes, que solicitaron no pleno do mes de febreiro; tampouco cobraron as entidades sociais que quedaron fóra da convocatoria en 2022, pese a todas as promesas que lles fixeron desde o concello, e tampouco se sabe nada dos cursos das asociacións de veciños deste ano, que continúan sen anuncialos en pleno abril ou a ordenanza de veladores, que quedou paralizada, entre outras moitas urxencias.

A conclusión que fan os populares é que o goberno local está desmantelando o concello e a administración pública ante a súa incapacidade para gobernar.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18548488616943