Os populares denuncian que os cidadáns ourensáns están "totalmente desprotexidos" en materia ferroviaria

OurenseXa
O Grupo Municipal Popular esixe ao alcalde que tome medidas para poñer fin ás carencias ferroviarias en Ourense
PP_renfe
O PP de Ourense esixe medidas en materia ferroviaria
15 Mar 2024

O Grupo Municipal Popular denuncia que “Ourense non ten alcalde. Concretamente en materia ferroviaria os cidadáns están totalmente desprotexidos”.

“O alcalde permanece calado mentres segue en suspenso a licitación dos pasos ferroviarios de Ramón Puga e Tarascón; o aparcadoiro non ten prazas para os usuarios da estación, incluso os abonados; os taxistas e os viaxeiros de Ourense seguen a intemperie. Tamén se reducen as frecuencias a Ourense polas obras de Chamartín, seguimos sen trens Avril, hai unha total falta de seguridade na contorna da Estación, unha fochanca a carón do centro de saúde pola obra mal rematada do Ministerio, e un longo etcétera de despropósitos do Goberno do Partido Socialista de Pedro Sánchez, apoiado polo Bloque Nacionalista Galego, con Ourense”, critica a concelleira, Noelia Pérez.

“Os cidadáns non podemos seguir consentindo estes agravios. Temos un alcalde que só sabe queixarse, pero nin sequera é capaz de levantar un teléfono para falar co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana”, pon de manifesto a popular, quen asegura que “Ourense non pode vivir de contos e un grupo de goberno ten que solucionar os temas que afectan aos cidadáns, e nestes momentos o Concello non é quen de relacionarse con ningunha administración”.

No mes de outubro, o Partido Popular levou a pleno unha moción na que solicitaba que o alcalde se dirixise ao Ministerio de Transportes e a Adif para convocar o máis rápido posible unha reunión das partes asinantes do ‘Convenio Marco de Colaboración’. “O único que fixo o alcalde foi enviar unha carta o 27 de outubro a Adif e á anterior Ministra de Transportes, e cinco meses despois nada se ten avanzado, incluso non se decatou de que hai un novo Ministro”, lamenta Noelia Pérez.

En consecuencia, “o Partido Popular esixe ao alcalde que colla o teléfono, chame ao novo ministro de Transportes e a Adif e empece a exercer as súas funcións na defensa dos intereses dos cidadáns de Ourense”, conclúe a concelleira.

0.1146399974823