Os representantes municipais da provincia participaron nunha xornada formativa para a prevención de incendios forestais

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron esta tarde na reunión informativa para promover e facilitar a adhesión dos concellos ourensáns aos convenios de colaboración en accións de defensa e prevención de incendios forestais que cada ano ofrece a Consellería de Medio Rural ás entidades locais.
O acto, no que participaron representantes de municipios de toda a provincia, xirou arredor da posibilidade de subscribirse aos devanditos convenios de colaboración definidos para as anualidades 2025 e 2026, para a realización de actuacións preventivas contra incendios forestais e tamén accións de vixilancia e extinción. Así, contémplase a cooperación económica por parte da Consellería para traballos de vehículos motobomba, constitución de brigadas e realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado para a xestión da biomasa.
Na reunión informativa explicouse que, no caso das actuacións de vehículos motobomba, a axuda máxima é de 5.000 euros ao mes por motobomba, mentres que pola actuación de brigadas contra incendios forestais establécese unha contía de ata 40.000 euros -ata 21.000 euros de axuda por brigada polas tarefas de vixilancia e defensa e ata 19.000 euros por brigada no caso de tarefas de prevención-.
Ademais, pola realización de labores de xestión de biomasa, Medio Rural achegará un importe de ata 350 euros por hectárea. Os representantes da Xunta neste encontro coincidiron en animar os concellos a sumarse á colaboración institucional, xa que o labor de prevención e defensa contra incendios forestais é unha tarefa de todas as administracións e, en particular, as entidades locais constitúen o tecido básico territorial sobre o que se teñen que desenvolver estes traballos