Os socialistas acadan o apoio do pleno para instar ao executivo municipal a mellorar o servizo de limpeza viaria en Ourense

OurenseXa
“Ourense non pode agardar a que o goberno local atope o tempo e o xeito de licitar correctamente os contratos actualmente en precario”, sentencia a voceira socialista
natalia-gonzalez
Natalia González
7 Mar 2025

O grupo municipal socialista vén de lograr o apoio no Pleno para unha iniciativa que reclama a posta en marcha de melloras no servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello de Ourense e a posta en marcha de campañas informativas e de sensibilización para previr e reducir residuos e fomentar a educación ambiental. “A nosa cidade xerou 33.583,26 toneladas de lixo no 2024 na bolsa negra, un 2,4% máis que no 2023, e tamén enviou máis residuos plásticos ás plantas de reciclaxe: 1409,06 toneladas no pasado ano, un 1,8% máis que as que se recolleron en 2023”, destacou a edil do PSdeG María Fernández.

“Ourense non pode agardar a que o goberno local atope o tempo e o xeito de licitar correctamente os contratos actualmente en precario: fomentar o desenvolvemento de políticas de minimización, reciclaxe e valorización de residuos e desenvolver plans locais de xestión de residuos e ordenanzas municipais de xestión de residuos e limpeza viaria, así como outros instrumentos de planificación municipal, debe ser unha prioridade”, continuou argumentando durante a súa quenda de intervención.

No texto aprobado, as e os socialistas, ademais de instar ao goberno municipal a reformular os pregos de licitación do contrato de recollida de residuos e limpeza viaria introducindo as melloras en materia de contratación laboral das traballadoras e traballadores, esixen que se poña en marcha unha canle directa de información coa cidadanía.

“Os residuos constitúen un grave problema ambiental en si mesmos e, á súa vez, están na orixe doutros como a contaminación das augas, do chan e do aire, cos correspondentes riscos asociados para a saúde pública. Evitar no posible os impactos ambientais causados polos residuos e dar unha correcta xestión aos inevitables, debe ser un factor prioritario da política. Os beneficios de prestar ao problema dos residuos a atención merecida son moitos; e non só na orde ambiental, senón tamén desde o punto de vista tecnolóxico, económico e social”, advertiu.

Por outra banda, tamén se aprobou moción do PSdeG para a mellora das políticas de convivencia responsable con animais en Ourense e a reforma integral de Progape. “En Ourense, a convivencia responsable con animais de compañía é un reto a afrontar dado o aumento do número de mascotas, especialmente de cans. A esta realidade súmase unha situación preocupante: o abandono e a falta de apoio por parte do Concello á protectora municipal, que repercute na precaria xestión e no estado das súas instalacións”, expuxo a edil Alba Iglesias.

“A Administración local ten a obriga de garantir que os animais, tanto os que teñen fogar como os que non, reciban un trato digno. A ausencia de infraestruturas adecuadas nos barrios, a falta de apoio a Progape e a inexistencia de campañas educativas e de sensibilización están a xerar unha fenda na calidade de vida dos animais e na convivencia veciñal”, subliñou sobre o texto rexistrado.

Neste senso, as e os edís do PSdeG tamén instan ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a colaborar coas asociacións locais como APMOU e a creación de espazos de integración para persoas e animais sen fogar.

Reapertura do Museo Municipal

“É curioso que o PP traia esta moción para reabrir o Museo Municipal cando hai só 4 meses xa a traía o PSOE e cando Gonzalo Pérez Jácome goberna Ourense grazas ao apoio inestimable do Partido Popular. Coa resaca do Entroido pregúntome se non lles será máis cómodo, en vez de traer mocións repetidas aos plenos que trouxeron outros grupos, que entren de comparsa ao executivo que sustentan en lugar de criticalo”, analizou a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González, sobre a iniciativa que presentaron os populares na sesión.

Así mesmo, lembrou que a normativa legal, polo momento, non permite modificar o uso dun inmoble que está designado como Ben de Interese Cultural e que dende o PSdeG sempre defenderán un espazo histórico e dinamizador fronte á política de DO que só ofrece charangas e orquestras, limitando a liberdade da cidadanía.

Sobre as medidas para a seguridade na cidade

“A día de hoxe, na Relación de Postos de Traballo do Concello de Ourense, hai 144 prazas para Policía Local que resultan insuficientes porque segundo a normativa europea que estipula 1,8 axentes por cada milleiro de veciños deberíamos ter 189 e segundo a Fegamp contamos con 13 efectivos menos dos recomendables”, expuxo sobre as diferentes taxas coas que non cumpre a cidade.

E recordou que, no anterior mandato, o PP co gobernou con DO sen que nada se fixera para poñer solución a un problema que se ve agravado ante as previsibles xubilacións. “Non vai resultar suficiente coa OPE de 2024, porque eses efectivos non poderán, polos ritmos de tramitación legal que teñen que pasar, formar parte da plantilla ata finais de 2026. Se o déficit é importante agora, máis o será nos vindeiros meses”, rematou contundente.

⚙ Configurar cookies
0.47350192070007