Os socialistas acusan a Jácome de “intentar tapar a súa mala xestión” tras o cambio de competencias anunciado polo Goberno municipal

OurenseXa
Para as edís do PSdeG no Concello de Ourense, o reaxuste de competencias do executivo local anunciado por parte do alcalde responde “a un recoñecemento implícito do seu fracaso”
natalia-gonzalez
Natalia González
25 Mar 2025

As e os socialistas no Concello de Ourense consideran que o reaxuste de competencias do executivo local anunciado por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, responde a un recoñecemento, implícito, do seu fracaso “en canto á situación gravísima e caótica do servizo de transporte urbano, ao desastre na compra dos novos vehículos ou a caída da futura licitación”.

Así o afirmou a voceira do PSdeG e secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González, tras coñecerse os cambios nas carteiras do goberno de DO. “Ademais queda patente tamén a súa incapacidade para a regularización das condicións laborais e económicas dos traballadores e traballadoras da área de seguridade cidadá”, engade sobre outra das concellerías nas que se informaron cambios.

Non obstante, advirten as e os edís socialistas que só se trata doutro “movemento de peóns” máis, “irrelevante”, para que nada mude e salvagardar a algún dos concelleiros e concelleiras de Democracia Orensana “das posibles consecuencias da súa inoperancia total no futuro”. E pregúntanse, neste senso, se realmente Jácome ten delegadas as competencias porque confía nos seus concelleiros para xestionar as áreas que teñen encomendadas ou simplemente os utiliza cando lle convén para distraer a atención.

“Que o ruido non nos impida ver que en realidade Jácome non delega, el é o responsable de todas as decisións e é o culpable da parálise da nosa cidade en todos os temas importantes”, rematan lembrando sobre os máis dunha ducia de cambios de competencias que leva efectuado neste mandato.

⚙ Configurar cookies
0.20960593223572